O CETGA revoluciona a acuicultura con Visión e Intelixencia Artificial

martes, 4 de xullo do 2023 S. P.

O Centro Tecnolóxico da Agrupación Industrial da Acuicultura (CETGA), fundado en Couso (Ribeira) en 2002 (un ano despois da posta en marcha da agrupación industrial), vén de facer balance dos seus logros recentes en transformación tecnolóxica e sustentábel aplicada á acuicultura, ámbito no que é un referente en Galicia e no ámbito estatal. Entre os seus fitos máis relevantes atópase o proxecto Acuicultura 4.0, que busca mellorar o proceso produtivo a través de tecnoloxías de Visión e Intelixencia Artificial. Este proxecto comezou en 2021 e rematará na segunda metade de 2023. Conta cun orzamento total de 260.805,13 euros e está financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
O ChatGPT da acuicultura
Entre os obxectivos do CETGA atópase elevar a competitividade das empresas do sector acuícola galego impulsando a investigación, a utilización de novas tecnoloxías e fomentando os avances no coñecemento na acuicultura. Nese camiño enmárcase o proxecto Acuicultura 4.0, cuxo desafío é optimizar na cadea produtiva dos individuos dunha determinada especie que se atopan en instalacións acuícolas, desde seméntaa das larvas ata a súa chegada á cadea de distribución. Con esta mellora, trátase maximizar a produción dos tanques e mellorar a calidade do produto final, respectando en todo momento a calidade de vida dos animais. En Acuicultura 4.0, proxecto no que o CETGA participa xunto á Universidade Politécnica de Madrid, están a aplicarse tecnoloxías de Visión e Intelixencia Artificial nesta procura da mellora do proceso produtivo.
Ademais, neste proxecto, estanse testando novos equipamentos e técnicas coas que avaliar o número de peixes e a biomasa do stock. Deste xeito, poderán comezar co estudo do comportamento dos peixes para o seu modelado, ao que agregarán nas futuro funcións con tecnoloxías intelixentes.
Entre as actividades que se realizaron dentro deste proxecto están a análise da biomasa dos tanques; a supervisión do benestar dos peixes e das óptimas condicións da súa contorna a partir de análise de imaxe hiperespectral; a incorporación de técnicas de IA para extraer coñecemento que facilite a toma de decisións nas diferentes plantas de produción; e a validación de resultados en contornas reais de produción.
CETGA: referencia internacional
Desde a súa fundación no ano 2002, o Centro Tecnolóxico da Agrupación industrial da Acuicultura recibe nas súas instalacións de Ribeira máis de 50 visitas internacionais de forma anual para coñecer os seus desenvolvementos e investigacións. Ademais, o CETGA foi requirido por organismos internacionais como a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), que o contrataron para ter o seu asesoramento e servizos.
Doutra banda, o CETGA lidera e coordina diversos proxectos internacionais. Por exemplo, no programa español e iberoamericano para fomentar a investigación en América Latina con España, Portugal e toda Latinoamérica, CETGA foi o coordinador da área de acuicultura.
Amais, CETGA leva anos sendo parte activa da plataforma europea de tecnoloxía acuícola.
O persoal do centro tecnolóxico está composta actualmente por 26 persoas, das que 8 son doutores e máis da metade son perfís investigadores. Cabe destacar que a maioría dos postos de investigación están ocupados por mulleres, nunha clara aposta do centro polo talento feminino.