O CETIM incorpora silicio ás baterías para avanzar en sustentabilidade e eficiencia
martes, 10 de setembro do 2024
Ao abeiro da Unidade Mixta de Investigación VOLTA, o Centro Tecnolóxico CETIM, con sede en Culleredo (A Coruña), está a investigar, en colaboración con Ferroglobe Innovation, novos materiais para almacenamento enerxético que permitirán avanzar “cara á electromobilidade sostíbel”.
Este 9 de setembro, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Vehículo Eléctrico, o CETIM Technological Centre aproveitou para destacar “a importancia de investigar novos materiais para almacenamento enerxético”, xa que as configuracións químicas e os seus materiais son os principais axentes de cambio para acadar a mínima pegada ecolóxica.
“Dispoñer de baterías con máis potencia, máis duración e maior rapidez de carga é xa unha necesidade do presente”, afirma Rosalía Noguerol, responsábel de Materiais Avanzados en CETIM e “para iso, debemos apostar pola non dependencia de materias primas críticas ou recursos fósiles e desenvolver materiais máis sustentábeis. Só así poderemos solucionar os problemas existentes no sector da mobilidade”.
A Unidade Mixta de Investigación VOLTA é un exemplo das investigacións do Centro Tecnolóxico de Culleredo no ámbito do vehículo eléctrico e conectado, na que colaboran con Ferroglobe Innovation desde 2022 para investigar “innovadoras baterías de ión litio con silicio e materiais carbonosos que achanden o camiño da eficiencia e do máximo respecto polo medio ambiente e os seus recursos”, explica a responsábel da área de Materiais Avanzados en CETIM e do proxecto. Este conta cun investimento de 2 millóns de euros subvencionados pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN) e a través del CETIM está a conseguir revalorizar residuos agroforestais e industriais de proximidade e de alto impacto en Galicia para que, en combinación con silicio, melloren a sustentabilidade e as prestacións das baterías de ión litio.
Alicia Bañón, investigadora da liña de Materiais para Almacenamento Enerxética de CETIM e do proxecto: “Nos ánodos preparados, realizáronse substitucións do 100% do grafito polos materiais carbonosos porosos obtidos”. Ademais, e co apoio da área de Industria Dixital do Centro Tecnolóxico, desenvolveron unha aplicación a través de tecnoloxías de cadea de bloques (blockchain) para coñecer a rastrexabilidade dos residuos e subproductos que serán utilizados nas baterías ión litio. “O coñecemento e recompilación destes datos facilitan a futura reciclaxe e reutilización ao final da súa vida útil, así como a realización de cálculos de emisións ou reducións de dióxido de carbono”, aclara Alicia Bañón e adianta que “a través do uso destes materiais, lograrase o desenvolvemento de baterías de menor peso; concretamente, reducirase o peso do ánodo en máis dun 50%, o que repercutirá positivamente na autonomía das baterías, no deseño dos automóbiles eléctricos, e na condución, que será moito máis eficiente”.
Rosalía Noguerol engade que “grazas aos traballos que estamos a desenvolver en VOLTA, xa podemos avanzar que melloraremos exponencialmente a sustentabilidade ambiental dos vehículos eléctricos, aumentando ademais a vida útil das baterías de ión-litio e utilizando materias primas de proximidade, contribuíndo así aos obxectivos do Pacto Verde Europeo e facilitando a transición ecolóxica de Galicia”.
VOLTA conta cun investimento de 2 millóns de euros subvencionados pola Axencia Galega de Innovación (Xunta de Galicia) no marco da convocatoria 2022 do Programa Unidades mixtas de investigación, co-financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)- Programa Operativo Feder Galicia 2021-2027.