O CETIM xa acadou 280 colaboradores-socios dende o inicio da súa andaina
mércores, 29 de xaneiro do 2025
- A responsábel de Industria Dixital no CETIM, Elena Hidalgo, realizando o desenvolvemento do xemelgo dixital
O Centro Tecnolóxico CETIM, emprazado en Culleredo (A Coruña) comezou o ano facendo balance e, tamén, compartindo os detalles da súa folla de ruta para 2025, un plan estratéxico que afondará na súa aposta pola colaboración pública privada, que xa se saldou (dende os inicios do CETIM) con 280 colaboradores na actualidade, dos cales 62 son socios internacionais. Tamén se saldou co liderado de seis iniciativas globais que mobilizaron máis de 27 millóns de euros.
Segundo fai saber Toni Pons, director xeral de CETIM Technological Centre, “as nosas alianzas e o continuo seguimento das tendencias do mercado permítennos desenvolver as mellores solucións tecnolóxicas adaptadas ás necesidades de todos os sectores”. Grazas a este clima colaborativo, ao longo do 2024, o centro impulsou un total de 80 proxectos de investigación en sectores clave como baterías e vehículos eléctricos, forestal, construción, industrial, téxtil, electrónica e TIC, tratamento de augas e recuperación de nutrientes, agroalimentario, etc.
Dende o CETIM adiantan que este “2025 tamén promete”, xa que se inicia coa apertura por parte da Axencia Estatal de Investigación da convocatoria de Proxectos en Colaboración Público-Privada, na que se mobilizarán 320 millóns de euros. O obxectivo principal desta convocatoria é financiar proxectos de colaboración, dunha duración de tres anos, entre centros de investigación, universidades, organismos públicos de investigación e as empresas, avanzando así na incorporación de coñecementos e resultados científico-técnicos que permitan a validación e o desenvolvemento precompetitivo de novas tecnoloxías, produtos e servizos.
No CETIM lograron ata o momento unha taxa de éxito do 100% en colaboración público-privada, sendo “o segundo organismo de investigación galego con máis éxito”, sinálase no balance, no que se engade que un exemplo disto é o proxecto DemolTech, no que buscan desenvolver tecnoloxías disruptivas para a demolición intelixente e procesos de revalorización dirixidos á xeración de materias primas circulares en contornas urbanas. Outros casos de éxito son o proxecto SMMASH, no que se están investigando materiais e metais sostíbeis a partir do aproveitamento de cinzas de fondo e volantes procedentes da valorización enerxética de residuos municipais, e QuitinSect, que mellorará as técnicas extracción e transformación de quitina en aplicacións de alto valor engadido para envasado alimentario.
DemolTech: demolición intelixente e revalorización de RCD
- O consorcio de DemolTech nas probas realizadas en Soria
A orixe deste proxecto está na necesidade do sector da construción de contar con ferramentas que lle permitan fomentar o intercambio de información e reutilizar RCD (residuos de construción e demolición). É así é como xorde DemolTech, un proxecto liderado por FCC Construción e formado por CETIM, BECSA, ITAINNOVA e Grupo IDP. O obxectivo principal é “crear un demostrador de prototipo integral que integrará ferramentas dixitais para a demolición intelixente, así como a revalorización de produtos primarios en contornas urbanas nas distintas fases do ciclo dun proxecto de deconstrucción: deseño, revalorización de materiais e materias primas, traballos de demolición, xestión de residuos, reciclaxe e procura de segunda vida útil”.
Máis polo miúdo, desde CETIM desenvolverán en DemolTech un Xemelgo Dixital baseado nos datos captados por Visión Artificial e na análise de ciclo de vida que permita coñecer a solución máis sostíbel do material. Ademais, incorporarán a tecnoloxía de cadea de bloques (Blockchain) para certificar as boas prácticas durante esta fase do proceso e colaborarán con BECSA para investigar técnicas de revalorización de residuos in situ e en planta de residuos de construción e demolición.
Actualmente, están a realizarse os primeiros avances no estado da arte e este mes todo o consorcio visitou a obra de demolición, situada na provincia de Soria, onde levará a cabo a validación dos desenvolvementos en colaboración con FCC Construción.
O CETIM engade que este proxecto “permitirá facer fronte aos desafíos científico-tecnolóxicos que limitan o desenvolvemento de solucións como a ausencia de datos da cadea de subministración, a falta de indicadores estandarizados para facer monitoraxe das accións a favor da circularidade, eivas de control en verteduras incontroladas, etc”.
Esta gran aposta pola I+D+i de empresas referentes no sector e o compromiso de CETIM Technological Centre co medio ambiente, “fan posíbel avanzar na procura de solucións a problemas comúns, como aumentar a circularidade e sustentabilidade do sector da construción”.