O CFA da Deputación de Lugo abre o 17 de xuño o prazo de preinscrición do novo curso

mércores, 12 de xuño do 2019 Redacción

O Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo (CFA) segue adiante co seu importante traballo de capacitación tecnolóxica, creativa e innovadora. Sen ir máis lonxe, o CFA vai manter aberto entre os días 17 e 28 de xuño o prazo de preinscrición de matrícula para o curso 2019-2020. Segundo lembra a entidade provincial, trátase do “único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual”. Desta volta, ofrece 40 prazas de primeiro nos ciclos de Realización e Produción.
A nova achega formativa foi dada a coñecer polo presidente da Deputación en funcións, Darío Campos, que anunciou que “manteremos a gratuidade da matrícula porque desde o Goberno da Deputación apostamos por que todos os mozos e mozas lucenses interesados en formarse no noso centro teñan as mesmas oportunidades á hora de acceder ao ensino de calidade e personalizado que impartimos, con independencia dos recursos económicos das súas familias”.
Para a preinscrición os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparan na web www.fundaciontic.org ou no propio centro. A documentación debe entregarse na sede do centro, na rúa Frei Plácido Lemos s/n de Lugo.
Prácticas en escenarios reais
O presidente, na presentación, salientou o modelo formativo do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, “que inclúe un importante número de prácticas en escenarios reais ao longo de todo o curso”. Isto, engadiu, “fai que o noso alumnado se enfronte ás esixencias que atopará cando acceda ao mercado laboral e aos problemas que sempre xorden no día a día dos profesionais”. A xeito de exemplo das últimas contribucións prácticas dos estudantes do centro, Campos enxalzou o importante traballo na recente gravación e montaxe dun vídeoclip no Castro de Viladonga, froito da colaboración entre o SdeA e o IES Terra Chá de Castro de Rei; e mailo vídeo que recolle a homenaxe que se lle rendeu en maio á ex-alumna da antiga Escola de Imaxe e Son da TIC, Mirian Vázquez. Tamén subliñou “a participación dos nosos alumnos en rodaxes de proxección internacional, como O que arde de Oliver Laxe, premiada na última edición do Festival de Cannes, ou A sombra da lei de Dani de la Torre”.
Formación personalizada
Campos tamén lembrou que “no noso centro os grupos son pouco numerosos, o que permite unha formación personalizada. A isto hai que engadirlle un profesorado altamente cualificado apoiado por técnicos profesionais con ampla experiencia no audiovisual, e unhas instalacións modernas, con plató e salas de realización e son”. Ademais, dixo, “o SdeA da Deputación substituirá o programa de bolsas que tiña a antiga Fundación TIC por un sistema de contratos en prácticas”. Segundo fixo saber, a devandita medida carrexa “máis garantía, duración e mellores salarios”, xa que estas prácticas computan como experiencia profesional e figuran na vida laboral. “Supón adquirir experiencia profesional e facilitar a súa futura inserción no mercado laboral”, explicou.

PUBLICIDADE