O CFA da Deputación de Lugo dá a benvida ao futuro do audiovisual galego
luns, 8 de setembro do 2025
O equipo directivo e docente do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo deu este luns 8 de setembro a benvida aos alumnos e alumnas de 1º e 2º dos ciclos superiores de Realización e Produción neste curso 2025-2026, no que, segundo informou a institución provincial, manterase o modelo de ensino público e de calidade que promove a entidade no seu centro educativo, “coas prácticas en escenarios reais e a gratuidade da matrícula como principais sinais de identidade”.
O alumnado de 1º, ademais de coñecer as instalacións da escola, recibiu información sobre a planificación do curso, horario e outros aspectos organizativos de interese. En canto aos estudantes de 2º, participaron nunha xornada de asesoramento sobre os módulo de Proxectos.
A escola de imaxe e son da Deputación inicia este novo curso coa totalidade de prazas cubertas en Realización, cun total de 20 novos mozos e mozas matriculados nesta especialidade. No caso de Produción, con vacantes aínda dispoñibles, manterase aberto o prazo de matrícula ata o mes de outubro. As persoas que estean interesadas poden acceder a toda a información sobre este ciclo na web provincial ou ben chamando ao número de teléfono do centro: 982 284 667.
O Centro de Formación Audiovisual do SdeA da Deputación de Lugo imparte formación regrada e non regrada relacionada co eido audiovisual e a promoción do uso das novas tecnoloxías.
Iniciou o seu funcionamento no curso 2003/2004 e dende o curso 2007/2008 a Deputación de Lugo mantén a gratuidade da matrícula.
O CFA tamén inclúe Maiores 3.0 destinado aos lucenses da provincia de máis de 55 anos. O seu obxectivo é “promover o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a calidade de vida e o benestar dos maiores con actividades que estimulen as súas habilidades mentais e físicas”.
A sede do Centro de Formación Audiovisual está na rúa Frai Plácido Rei Lemos, xunto ao parque Rosalía de Castro da capital da provincia.
