O CIAR das Rozas consolídase no eido aeroespacial coas demostracións do proxecto Comp4Drones
xoves, 20 de outubro do 2022
O
Centro
de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) deu acollido este 20 de
outubro a xornada de demostracións finais do proxecto europeo
Comp4Drones, que está liderado por Indra e que conta coa
participación de 49 empresas, universidades e centros tecnolóxicos
de diferentes países europeos. A directora da Axencia Galega de
Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou na sesión,
cualificando ao CIAR “como referente en Europa para probar
tecnoloxías innovadoras con sistemas non tripulados”.
A
xornada, que contou coa participación dos diferentes socios do
proxecto Comp4Drones, constituíu unha oportunidade para poñer en
valor as capacidades de Galicia no segmento dos sistemas non
tripulados e, tamén, para consolidar o CIAR como infraestrutura
tecnolóxica “única polo seu tamaño, especialización,
equipamento e capacidade de crecemento para ensaios, experimentación
e certificación de sistemas non tripulados en España”, destacou
Argerey.
Socio
estratéxico
Indra
é un dos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de
Galicia, onde desenvolveu tecnoloxías tan punteiras como o vehículo
opcionalmente tripulado Targus, unha embarcación mariña non
tripulada e un centro de misión para o control de operacións e
recepción, procesado e monitoraxe de datos de sensores embarcados en
plataformas non tripuladas. Ademais, Indra conta con instalacións
propias no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas e está a
desenvolver unha infraestrutura U-Space que ampliará as capacidades
do CIAR.
A
Xunta seleccionou recentemente tres novos socios estratéxicos e
tecnolóxicos para o desenvolvemento de programas conxuntos de I+D no
Polo Aeroespacial de Galicia. Trátase de Airbus, Telespazio e
Babcock, todas elas referentes internacionais no eido aeroespacial. A
sinatura dos acordos de asociación coas tres empresas, que está
previsto que se realice en breve, suporá o impulso de 40 proxectos
de I+D no eido dos sistemas non tripulados e a xeración de máis de
400 empregos de alta cualificación.
Comp4Drones é un proxecto coordinado por Indra e financiado pola
Comisión Europea que ten por obxectivo proporcionar un marco de
tecnoloxías clave para vehículos aéreos non tripulados seguros e
autónomos. Desenvolveu aplicacións para impulsar o desenvolvemento
e implantación dos drons nos eidos do transporte, a construción, a
loxística, a inspección, a vixilancia e a agricultura.