O CIM desenvolve un proxecto que permite detectar contaminantes na auga co uso dun móbil

venres, 22 de maio do 2026 S. P.

Detectar contaminantes na auga cun móbil xa é unha realidade grazas ao proxecto Aquasense, unha iniciativa impulsada dende o CIM (Centro de Investigación Mariña da UVigo) que combina innovación, química verde e responsabilidade social para mellorar a vixilancia ambiental das augas naturais.
Desenvolvido pola investigadora Vanesa Romero e financiado polo programa de axudas da Deputación de Pontevedra, o proxecto achega diferentes solucións analíticas máis accesibles, portátiles e con máis marxe de adaptación en contornas non especializadas.
“A idea é que a detección de contaminantes non sexa un privilexio de grandes laboratorios”, explica Vanesa Romero, facendo fincapé na necesidade de achegar solucións que poidan utilizarse en contextos con recursos limitados, contribuíndo a coidar o medio ambiente e apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente os relacionados coa auga limpa e a produción consciente.
Romero centrouse no desenvolvemento de solucións sinxelas para detectar contaminantes como metais pesados ou compostos nitroxenados en augas naturais, apostando por dispositivos analíticos portátiles e de baixo custo feitos con materiais como celulosa. A maiores, recorreu tamén á miniaturización como alternativa ás técnicas convencionais, reducindo custos, residuos e complexidade.
Para o deseño dos dispositivos empregou un substrato de celulosa comercial (papel de filtro) sobre o cal se marcan canles hidrofóbicas moi pequenas para guiar os líquidos cara zonas concretas do substrato. Estas zonas poden conter reactivos secos que xeran unha resposta química (cambios de cor, emisións de fluorescencia ou quimioluminiscencia) en presenza de determinadas substancias, permitindo detectar, por exemplo, se unha mostra contén un contaminante específico.
Un dos avances máis destacados de Aquasense é a posibilidade de rexistrar a resposta química mediante a cámara dun teléfono móbil e procesar esa imaxe con software de acceso libre, o que permite interpretar resultados e cuantificar contaminantes cun menor tempo e custo.
“A investigación confirma que a análise ambiental pode facerse máis democrática”, sinala Vanesa Romero. “Estes resultados abren a porta a ferramentas que poden empregarse en contextos con recursos limitados, achegando a vixilancia da calidade da auga á sociedade”, explica a investigadora.