O CINAE da UVigo lembra que en 2020 o 65% dos satélites estatais serán galegos

venres, 19 de maio do 2017 Redacción

O 65% dos satélites españois en 2020 serán galegos. Así o fixeron saber onte nunha sesión cos medios os impulsores da alianza de traballo (Unidade Mixta de Investigación) conformada polo Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE, Universidade de Vigo) e a empresa Aistech Space. Segundo engadiron durante a presentación do seu proxecto conxunto, A fábrica do futuro, hai unha manchea de ámbitos e sectores onde os nosos satélites poden achegar todo tipo de vantaxes e beneficios, por exemplo os eidos pesqueiros, agrícolas ou agroforestais, onde os aparellos aeroespaciais galegos fornecerían seguimento e eficacia nas plantacións, control de verteduras no mar ou mesmo loita e vixilancia exhaustiva contra incendios. Esta vontade de achegar servizos de precisión é o alicerce da unidade mixta. Dende o seu seo desenvolverase unha rede de dúas ducias de satélites de observación, comunicacións e control marítimo .
O acto de presentación celebrouse na sede do CINAE e nel participaron Fernando Aguado, director técnico e investigador principal do centro para este proxecto de tres anos de duración, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o representante de Aistech Guillermo Valenzuela, a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa e a directora de GAIN, Patricia Argerey.
Segundo fixo saber Aguado, “CINAE e Aistech crearán un deseño de plataforma común para todos os satélites da constelación, que se pode fabricar con elevados estándares de calidade e de xeito eficiente, para o que se aplicarán técnicas da industria 4.0 que permitan crear una liña de ensamblaxe automatizada, ao tempo que se mellorará a fiabilidade dos procesos de deseño e de fabricación dos nanosatélites”.
O custo total do proxecto ascende a 2,3 millóns de euros. Con esta iniciativa, que prevé despregar a constelación de satélites antes do ano 2022, Aistech pretende “fornecer datos e información exacta e de calidade, a baixo custo, de calquera recanto do planeta cun tempo de refresco medio de 10 minutos, a compañías, organizacións ou gobernos, co obxectivo de ampliar o seu coñecemento sobre áreas de interese ou mellorar a toma de decisións”. A fábrica para a integración de aparellos terá o centro de seu no CINAE. O roteiro a seguir é o seguinte: poñer en órbita en 2018 o primeiro satélite (arestora en fase de integración) e encarar as misións reais con lanzamento ao ano seguinte.
Nun plano máis detallado, o papel de Aistech céntrase nas tarefas de integración das cargas útiles. CINAE, pola súa banda, actúa como socio tecnolóxico de nivel de misión e de plataforma, “achegando a experiencia dos seus investigadores para crear a constelación de nanosatélites”. Na presentación da unidade mixta, Aguado lembrou o traballo desenvolvido na Universidade de Vigo e en CINAE que a día de hoxe suman o 42% dos satélites desenvolvidos e lanzados en España, ao tempo que avanzou que no período 2019-2020 guindaranse desde Galicia catro satélites adicionais “co que o CINAE terá deseñado e lanzado o 65% dos satélites fabricados en España até esa data”.
Os cubesats de 6U que se están a deseñar neste proxecto teñen unhas dimensións de 30x10x10 centímetros e un peso duns 10 quilogramos, podendo realizar entre 14 e 15 órbitas ao día, o que implica unha cobertura total.

PUBLICIDADE