O CIS concluíu os seus espectáculos científicos D´tec con alumnado de Mugardos e Cariño

luns, 1 de xullo do 2024 S. P.

Os pasados días 18 e 19 de xuño, alumnado dos centros IES de Mugardos, IES Ortegal de Cariño e IES Canido de Ferrol participaron nos dous últimos espectáculos científicos do CIS Tecnoloxía e Deseño (GAIN) da temporada 23/24.
As e os estudantes destes centros participaron nun reto grupal e asistiron como público a un espectáculo que propoñía un percorrido pola innovación desde os seus inicios ata a actualidade, poñendo en valor a súa importancia ao longo da historia para o avance da sociedade.
Durante a actividade, revisitáronse momentos clave da evolución científico-tecnolóxica, recreando experimentalmente as achegas e analizando a súa importancia.
Estas dúas actividades están enmarcadas no programa D’tec lanzado en setembro de 2019; un programa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación e do CIS Tecnoloxía e Deseño, para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas dirixido a estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.
No marco desta iniciativa organizáronse diferentes actividades no CIS Tecnoloxía e Deseño para poñer en valor a importancia da innovación, a ciencia e a tecnoloxía como unha das claves para o desenvolvemento de Galicia. Entre as actividades principais contempláronse espectáculos, obradoiros, proxectos escolares para as aulas e campamentos.
Neste ano 2024, leváronse a cabo 47 iniciativas do programa D’tec cun total de 1070 estudantes de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional, de 28 centros educativos de toda Galicia.