O CIS e Electrorayma crean unha ferramenta de dixitalización de procesos a través de realidade virtual
venres, 3 de xullo do 2026
Ferrol acolleu este venres 3 de xullo a presentación da nova ferramenta tecnolóxica SAAM (baseada no emprego da realidade virtual) que desenvolven conxuntamente o CIS Tecnoloxía Deseño e Comunicación e a firma ferrolá Electrorayma. Na cita participaron o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Segundo explicaron, SAAM é unha solución tecnolóxica innovadora deseñada para dixitalizar os procesos técnicos, “de maneira que proporciona información esencial de xeito instantáneo e dun xeito visual e interactivo”. Aplicada inicialmente para grúas portuarias tipo cegoña, “as súas enormes capacidades a converten nunha ferramenta de grande utilidade para outros ámbitos industriais como pode ser o mantemento dos parques eólicos”, sinalaron, engadindo que SAAM permite “desenvolver guías de traballo que describen paso a paso as tarefas a realizar, incorporando información de apoio como imaxes, vídeos e documentación técnica; e tamén rexistra as actuacións realizadas incluíndo a identificación do persoal encargado dos traballo e a captura de fotografías do estado da instalación”.
Amais, achega asistencia remota en tempo real, permitindo que un técnico que estea na oficina visualice a mesma información que o operario desprazado e lle proporcione soporte durante a intervención.
A maiores, a ferramenta xera un rexistro rastrexable de todas as operacións efectuadas, o que facilita a xestión de incidencias relacionadas coa seguridade e os labores de supervisión e seguimento do persoal, entre outras posibilidades.
SAAM nace da colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do CIS da Cabana, e Electrorayma, empresa dedicada á enxeñería, fabricación, montaxe e mantemento eléctrico, no marco do Programa europeo OpenLabs, rede europea de laboratorios industriais para a transformación dixital e sustentable de empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Programa Interreg – POCTEP 2021-2027).
