O CITENI investiga materiais impresos en 3D para eliminar contaminantes da auga
venres, 22 de maio do 2026
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no Campus de Ferrol (UDC) vén de compartir detalles sobre un proxecto que conecta a fabricación de materiais con impresión 3D coas tecnoloxías para mellorar a calidade da auga: o proxecto PANICL3AN.
A investigación lévaa a cabo persoal investigador do Grupo de Polímeros do CITENI, onde se deseñan e fabrican materiais capaces de interactuar con contaminantes presentes na auga e de retelos na súa superficie.
O traballo combina impresión 3D e química de polímeros para obter estruturas multifuncionais aplicadas ao tratamento da auga.
A iniciativa está liderada polas investigadoras María José Abad López e Ana Isabel Ares Pernas, que traballan xunto a Aurora Lasagabáster Latorre, Sonia Dopico García e as doutorandas Claudia Quintero Rodríguez e Beatriz Combarro Souto.
Explican que o proxecto sitúase no ámbito da remediación de augas ou water remediation: tecnoloxías que permiten eliminar contaminantes da auga ben para reutilizala, ben para devolvela de maneira segura ao medio ambiente. Engaden que os materiais desenvolvidos en PANICL3AN non actúan como un filtro convencional que retén as substancias contaminantes mediante unha barreira física. No seu lugar, prodúcese mediante un fenómeno coñecido como adsorción, polo que as moléculas contaminantes quedan “atrapadas” na superficie do material sen penetrar no seu interior.
Para iso utilízase polianilina (PANI), un polímero capaz de interactuar con distintos compostos presentes na auga, como colorantes ou substancias orgánicas, e facilitar a súa eliminación.
O proceso combina impresión 3D e química de materiais: primeiro créase a estrutura mediante técnicas de fabricación aditiva e despois modifícase quimicamente para dotala de capacidade adsorbente. O resultado son materiais lixeiros, con flexibilidade e con alta capacidade de interacción coa auga.
Lembran que a impresión 3D permite producir estruturas con xeometrías internas complexas e moi porosas, que facilitan o paso da auga a través do material e aumentan a súa superficie de contacto, o que mellora a captura de contaminantes. O equipo traballa con tecnoloxías de fabricación aditiva de modelaxe por deposición fundida (FDM) e procesamento dixital de luz (DLP), mediante as que se obteñen pezas adaptadas a distintas necesidades e aplicacións.
Tras a impresión, as estruturas modifícanse quimicamente, mediante a incorporación de polianilina, o que lles confire capacidade de adsorción.
Nos ensaios realizados con solucións pintorladas, obsérvase que a auga perde intensidade de cor tras o contacto coas mostras, un sinal visible da eficacia do sistema.
O proxecto incorpora tamén materias primas de orixe renovable como a lignina, un compoñente natural presente na biomasa vexetal e residuo da industria papeleira.
O estudo analiza como a lignina, despois de ser modificada quimicamente, pode incorporarse en resinas para facer impresión 3D mediante DLP, co obxectivo de mellorar as súas propiedades e desenvolver materiais respectuosos co medio e con bo comportamento en fabricación aditiva, que sirvan como base para estruturas funcionais destinadas á adsorción de contaminantes.
O proxecto PANICL3AN alíñase cos ODS de Nacións Unidas, especialmente co ODS 6, centrado na auga limpa e o saneamento, alén dos retos de sustentabilidade ambiental e innovación no uso de recursos.
A iniciativa está financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), a través da Axencia Estatal de Investigación (AEI), e cofinanciada polo fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER, Unión Europea), para o período 2024-2027 (Proxecto PID2023-152428OB-I00).
