O CITIC achega a súa experiencia ao segundo Encontro Makers pola Discapacidade Física e Orgánica

xoves, 21 de abril do 2022 S. P.

Este venres 22 de abril celébrase e horario de mañá (de 9.30 a 13.00h) a segunda edición do Encontro Maker pola Discapacidade Física Orgánica. Desenvolverase en formato en liña a través de Youtube, mostrando achados concretos sobre unha cuestión de gran potencial futuro: as capacidades das tecnoloxías abertas, participativas e colaborativas para mellorar a calidade de vida das persoas con características funcionais diversas. O evento está organizado pola Confederación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica de Castela e León, e conta coa colaboración da Universidade de Burgos e do CITIC da Universidade da Coruña.
A investigadora Thais Pousada participará na mesa de apertura, en representación do CITIC, e impartirá un obradoiro sobre deseño de produtos de apoio en 3D ás 12:00 horas.
O CITIC explica que o encontro está exposto como “un espazo de aprendizaxe compartida”, sinerxías e colaboración entre terapeutas ocupacionais, enxeñeiros/ as, makers particulares, asociacións makers sen ánimo de lucro e organizacións de persoas con discapacidade física e orgánica.
Os/ as asistentes poderán coñecer diferentes alternativas para a elaboración de produtos e tecnoloxías de apoio de baixo custo, en concreto, para as actividades sexuais. Tamén haberá mesas redondas sobre Fablabs e abordaxes de retos argalleiros. Quen queira inscribirse pode facelo a través da ligazón específica habilitada. O programa tamén foi habilitado en liña para a súa consulta.

PUBLICIDADE