O CITIC achega unha innovadora solución de rede para o control dos aparellos do fogar

mércores, 19 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

JPEG - 1.2 MB
Exterior do centro de investigación TIC con sede no Campus da Coruña

O CITIC da Universidade da Coruña segue a coller velocidade no que a proxectos, encontros e actividades diversas arredor da investigación en novas tecnoloxías da información se refire. Ás accións desenvolvidas recentemente no seu seo para impulsar a óptima xestión de iniciativas TIC e de programas informáticos, cómpre sumar outras liñas de traballo máis estendidas no tempo e con resultados palpábeis. Estamos a falar da súa solución de rede sobre Fibra Óptima Polimérica para favorecer o que se podería considerar un novo paso evolutivo dos fogares intelixentes. O CITIC, que é un centro de investigación TIC dependente da Universidade da Coruña, colabora no proxecto coa empresa suíza Casacom AG, sendo o papel do centro galego o de desenvolver a parte referente á programación, cun software de control intelixente que estará integrado nos sistemas de rede de fibra óptica para o fogar deseñados pola devandita empresa centroeuropea.
Máis polo miúdo, o software do CITIC estará integrado nos sistemas de rede para o fogar da serie Henson da firma suíza. Así nolo fai saber estes días o centro galego con motivo da recente visita ás súas instalacións no Campus da Coruña dos representantes de Casacom: Oscar Rechou, fundador e director técnico da empresa, e Antonio San Juan, xerente en España. A visita destes profesionais, informa o CITIC, coincide no tempo co remate da primeira fase do proxecto Henson, un feixe de recursos para a conectividade no fogar baseados en Fibra Óptica Polimérica, POF, que, entre outras cousas, permite instalar redes de datos, tanto en casas de nova construción como noutras xa existentes, de xeito rápido e seguro.
Os equipos Henson da firma suíza, engade o CITIC, achegan unhas taxas de consumo enerxético moi reducidas, e precisan de pouco espazo para o seu funcionamento, todo isto coa gran vantaxe de que posibilitan a conexión de todo tipo de dispositivos no fogar, tanto sen fíos como con cable. Incorporan, entre outras cousas, un conmutador ethernet de alta velocidade como puntos de acceso Wi-Fi compatíbeis cos últimos estándares. “Mentres”, engaden dende o CITIC, “toda a interconexión entre aparellos e o acceso a Internet canalízase por unha rede de fibra óptima de polímeros que se pode tender de xeito rápido e económico polas canalizacións interiores xa existentes na vivenda e sen risco de interferencia ou de radiación ou mesmo de descarga eléctrica”. Neste senso, a rede POF ofrece un bo número de vantaxes, tanto para o acceso á Internet de alta velocidade como para distribución de televisión e telefonía sobre IP, “eliminando se o desexamos a necesidade de contar con múltiples cableados e facilitando a modernización das vivendas xa construídas”. O software de control que subministra o CITIC, desenvolvido na súa Área de Media en Rede e Fogar Dixital, supervisa o funcionamento de tódolos equipos POF en tempo real, permitíndolle ao instalador a configuración e xestión de toda a rede e asegurando a distribución de tódolos tráficos clasificándoos segundo os tipos e prioridades. Asemade, fixa a infraestrutura de base a definición de servizos de valor engadido dentro do fogar dixital.

PUBLICIDADE