O CITIC e o ITMATI celebran en novembro a cuarta edición das Xornadas sobre Seguridade e Defensa
xoves, 22 de setembro do 2016
Os vindeiros 3 e 4 de novembro celebrarase na
Coruña, nas
instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da
Información e as Comunicacións (CITIC), a nova edición duns
encontros destinados a expoñer as moitas potencialidades que
atesoura o ámbito numérico para mellorar a protección da
cidadanía. Trátase das IV Xornadas sobre Seguridade, Defensa,
Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais, uns encontros que, como
indican os seus organizadores, encamíñanse a acurtar as distancias
entre tecnoloxía matemática e de cómputo, por unha banda, e
seguridade e defensa pola outra. En concreto, avaliaranse a fondo
cuestións como a intelixencia cognitiva, o Big Data (información
masiva), matemática industrial, novas tecnoloxías da información,
ciberseguridade, nanotecnoloxía, UAV (vehículos aéreos non
tripulados) e contornas smart.
Estas xornadas lévanse a cabo grazas á
colaboración entre o Centro
Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), CITIC
e ITMATI
(Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), e Universidade
da Coruña (coa colaboración do Instituto
Matemático Interdisciplinar (IMI) da UCM). Contarase tamén coa
participación doutras entidades e empresas participantes,
actualmente en trámite de confirmación. Entre as participantes
atópanse Prosegur
e EGATEL. Para
máis información sobre as convocatorias anteriores, sinalar que o
ITMATI ten ligazóns activas á
primeira edición das xornadas, á segunda
entrega e máis á máis recente das celebradas (a
terceira).
Para participar nestes encontros como asistentes
podemos rexistrarnos de balde na
ligazón específica a xeito de formulario de inscrición.
Podemos atopar
máis información sobre o evento na web do CITIC.