O CITIC acolle este xoves unha xornada de networking con expertos xermanos en innovación
martes, 20 de setembro do 2016
O Centro
de Investigación TIC da Coruña (CITIC) vai acoller este xoves 22 un
encontro para tender pontes de colaboración co tecido innovador
xermano. A xuntanza, que tamén servirá para coñecer a
realidade do país en materia de transferencia tecnolóxica e
renovación empresarial, vén da man do Instituto Galego de Promoción
Económica (IGAPE) en colaboración co Posgrao en Xestión
Empresarial da Innovación e a Cátedra Jean Monnet da Universidade
da Coruña. O encontro desenvolverase baixo o seguinte epígrafe:
Innovación e creación de riqueza empresarial: experiencia alemá
e posibilidades de cooperación, V Taller de Mercadotecnia Expertise:
Innovación aberta e comercialización da innovación.
A cita insírese no marco dos obxectivos de
internacionalización da Enterprise Europe Network (EEN).
Trátase, máis polo
miúdo, dun obradoiro sobre innovación e sobre métodos para
impulsar a produtividade e a competitividade. Terá como referencia a
experiencia alemá de apoio a empresarios e PEME innovadoras, así
como “as posibilidades de colaboración e co-investimento con
empresas alemás”. O obxectivo que se persegue con esta xornada é
“fomentar o networking con expertos e pequenas e medianas
empresas innovadoras en Alemaña”.
O encontro contará nos
seus paneis coa intervención de dous expertos invitados, quen
exporán en primeira persoa a súa visión respecto diso. Por unha
banda, Joaquín Soucheiron, experto en investimento e nas
metodoloxías para tender pontes de colaboración entre investidores
e empresarios. Soucheiron é consultor acreditado da Axencia Bwcon
(Waden-Bürtemberg Connected) e conta cunha ampla experiencia como
fundador e conselleiro de novas firmas tecnolóxicas.
Por outra banda, tamén
intervirá nos paneis de discusión Jürgen Janovsky, profesor da
Universidade de Pforzheim e responsable de desenvolvemento e xestión
de proxectos de colaboración con empresas privadas e autoridades
públicas. Janovsky é experto en xestión da innovación,
transferencia de tecnoloxía e desenvolvemento de PEME e ten ás súas
costas anos de experiencia empresarial, ademais de ser consultor de
organismos internacionais e da UE.
Programa do encontro
· Mércores 21 de
setembro, a partir das 09:45h
Lugar: Santiago, IGAPE en
Santiago (Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n. 15703)
11.30h Panel de discusión
posibilidades de colaboración e co-investimento con expertos e
empresas alemás. Remate ás 13.30h.
· Xoves 22 de setembro,
a partir das 11.00h
Lugar: A Coruña, CITIC
Centro de Investigación TIC (Rúa O Canedo, 1. Campus de Elviña)
12.15h Panel de discusión
posibilidades de colaboración e co-investimento con expertos e
empresas alemás. Finalización ás 14.15h
· Xoves 22 de setembro,
a partir das 18.15h
Lugar: A Coruña,
Facultade de Economía e Empresa (Campus de Elviña, s/n, 15071 A
Coruña)
Nesta sesión non haberá
panel de discusión. Finalización ás 19.30h.