O CITIC acolle o vindeiro venres o XIV Foro de Interacción Matemática Industria
venres, 28 de maio do 2021
Será
o vindeiro venres 4 de xuño cando se celebre o
XIV Foro de Interacción Matemática Industria no edificio do Centro
de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións
(CITIC) da Universidade da Coruña, entidade colaboradora da
xornada.
Estamos
perante un encontro organizado polo Instituto Tecnolóxico de
Matemática Industrial (ITMATI), con sede na Universidade de
Santiago, e que dá forza ao traballo dos grupos de investigación en
Matemática Industrial das áreas de Matemática Aplicada,
Estatística e Investigación Operativa das tres universidades
galegas co obxectivo de ligar a tecnoloxía matemática á industria
e ao sector produtivo.
Informar
que o encontro levarase a cabo de xeito presencial e virtual, estando
prevista a asistencia de algo máis de setenta persoas do eido
académico e empresarial.
Na
xornada, as empresas convidadas exporán as súas necesidades
tecnolóxicas e ás que se pode dar solución a través do modelado,
a simulación e optimización de procesos e dispositivos, a
estatística ou o Big Data, entre outras ferramentas.
Cal
é a finalidade deste foro de carácter bi-anual e itinerante polos
diferentes campus universitarios de Galicia? A meta é fortalecer a
colaboración e sinerxías entre as empresas, as universidades e os
estudantes actuais, futuros e antigo alumnado.
Entre
os relatores estarán expertos empresariais e representantes do
ITMATI, quen presentarán o seu modelo de éxito na transferencia de
tecnoloxía matemática e innovación industrial, así como os dous
programas de mestrado que imparten conxuntamente as tres
universidades galegas: o Mestrado de Matemática Industrial (M2i)
con participación das universidades Carlos III e Politécnica de
Madrid- e o Mestrado en Técnicas Estatísticas (MTE).
Segundo
apunta Silvia Lorenzo Freire, investigadora do CITIC e de ITMATI,
profesora titular de Estatística e Investigación Operativa da UDC e
que tamén integra os comités científico e organizador do foro:
“Detrás da rápida dixitalización da economía e de termos tan de
moda como a Intelixencia Artificial, o Big Data ou a Internet
das Cousas están as matemáticas e, en particular, a estatística, a
optimización e a simulación numérica”.
Subliña
Íñigo Arregui Álvarez, coordinador do Máster de Matemática
Industrial na UDC, investigador do CITIC, colaborador de ITMATI e
membro dos ditos comités, “os importantes beneficios que achegan
os métodos e a simulación numérica nos procesos operativos de
industrias tan presentes en Galicia como o naval, a automoción ou as
finanzas”.
Indo
ao miolo do encontro, os representantes das empresas participantes
analizarán temas moi diversos: Maurizio Sanarico, responsábel de
datos científicos da consultora multinacional SDG Group, falará
sobre os avances que desde a súa organización desenvolveron por mor
da crise da COVID-19 no ámbito da Intelixencia Artificial aplicada á
sanidade, para facilitar o acceso da sociedade ao medicamento
preventivo e á telemediciña.
Guillermo
Renancio Artal, director de Expansión, Tecnoloxía e Alianzas do
Grupo Nova Pescanova, falará sobre modelos preditivos de evolución
de contornas naturais e benestar animal en espazos físicos
multifactoriais sen intervención humana.
As
novas solucións tecnolóxicas emerxentes no sector financeiro serán
abranguidas por Aitor Biain Galdos, xerente da compañía Almis, e
por Adrián Pacheco Paz, xefe de Equipo en Álamo Consulting, mentres
que Adriel Regueira Suárez, responsábel de ciberseguridade da
empresa Tecdesoft, explicará o novo paradigma da fabricación
avanzada mediante modelos de Intelixencia Artificial para tomar
mellores decisións.
Pola
súa banda, Maruxa Quiroga García, directora executiva (CEO) e
co-fundadora da empresa ourensá Tastelab, explicará o uso da
sensometría para a análise estatística automatizada de datos en
percepción sensorial, co fin de garantir o éxito de produtos no
mercado (alimentario e cosmético, especialmente) a partir das
respostas dos consumidores e de avaliadores expertos.
En
representación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial,
intervirá o seu xerente Rubén Gayoso Taboada, quen mostrará as
principais claves sobre o traballo de transferencia tecnolóxica e
innovación matemática á industria que se realiza desde o centro.
Os profesores Elena Vázquez Cendón e Julio González Díaz,
investigadores da ITMATI, serán os encargados de presentar o actual
Mestrado de Matemática Industrial e o relativo a Técnicas
Estatísticas, dos cales son coordinadores xerais.