O CITIC adestrará á nosa mocidade investigadora en formación transversal

martes, 9 de outubro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), a través do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), vén de presentar a primeira edición dun curso en habilidades transversais clave dirixido a fortalecer os recursos humanos en materia de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i). Segundo fai saber o centro da UDC, o reforzo do noso adestramento innovador é un obxectivo fundamental para a Unión Europea, e son varias as iniciativas da Comisión para sacarlle o máximo proveito a unha carreira investigadora, como por exemplo The EU principles for innovative doctoral training ou The Human Resources Strategy for Researchers (HRS4R), selo co que contan as tres universidades galegas.
O curso do TIC en habilidades transversais chave, que é común a todas as disciplinas, encamíñase ao fomento da ciencia aberta, a innovación e o espírito empresarial entre os novos investigadores (predoutorais e posdoutorais), coa finalidade de incrementar a súa empregabilidade en calquera ámbito e ser complementario aos coñecementos científicos e tecnolóxicos que adquirirán a través da investigación.
En concreto, diríxese a mozas e mozas investigadores dos centros singulares de investigación e agrupacións estratéxicas consolidadas de Galicia (CITIC, CIQUS, CIMUS, ECIMAT, CINBIO, CiTIUS e AtlantTIC), e dos centro de investigación da Universidade da Coruña (CICA, CIT e CITEEC).
O curso terá unha parte en liña (8 horas), a través da plataforma Moodle da UDC e unha parte presencial (4 horas) no CITIC. O número de prazas é de 50, garantíndose un mínimo de 30 vacantes para a UDC. A admisión farase por estrita orde de inscrición do 10 ao 17 de outubro na páxina web do CUFIE; o persoal do CITIC encargarase de supervisar o reparto das prazas.
O curso artéllase nunha serie de seccións: módulo primeiro (protección de resultados de investigación, cunha parte en liña impartida por María Isabel Docampo da OTRI da UDC, e outra presencial achegada por Rosario Echeverría de Clarke&Modet), módulo segundo (difusión e visibilidade dos resultados de investigación, cunha parte en liña impartida por Carlota Balsa, Marta Lago, Mercedes Corrales, Marcos Yáñez e Isaac Darriba do Servizo de Biblioteca Universitaria da UDC, e unha presencial por Isabel Iribarren da Universidade de Navarra) e módulo terceiro (a carreira investigadora en Galicia, que inclúe unha vertente online desenvolvida por Faustino Infante Roura da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e unha parte presencial que correrá a cargo de María Giménez López, ERC Starting Grant da Universidade de Santiago de Compostela USC).

PUBLICIDADE