O CITIC amplía as capacidades galegas en computación cuántica

venres, 3 de xullo do 2026 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou este mediodía o novo laboratorio de investigación en tecnoloxías cuánticas que o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña vén de pór en marcha. Durante a visita destacou que esta nova infraestrutura reforza as capacidades de Galicia neste ámbito e completa a oferta de infraestruturas científico-tecnolóxicas do ecosistema galego de I+G+i. Segundo explicou, a posta en funcionamento deste laboratorio sitúa a comunidade nunha posición aínda máis competitiva e permite abordar de maneira integral a investigación, a experimentación, o desenvolvemento de aplicacións e a súa transferencia ao tecido produtivo.
Na visita tamén participaron o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Jerónimo Puertas, e o director do CITIC, Manuel González. Carmen Cotelo puido coñecer de primeira man as instalacións, impulsadas co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través da Axencia Estatal de Investigación, e co financiamento de fondos europeos. Ao seu xuízo, esta infraestrutura contribuirá a consolidar un ecosistema cuántico no que as sinerxías e complementariedades entre os distintos axentes multipliquen o seu valor científico, tecnolóxico e innovador.
A directora da Axencia Galega de Innovación tamén puxo en valor o carácter pioneiro do CITIC no ámbito da computación cuántica, lembrando a súa participación no primeiro proxecto europeo sobre esta materia desenvolvido en Galicia, NEASQC (Next Applications of Quantum Computing), así como no máis recente QEX, Centro Europeo de Excelencia Cuántica. O centro forma parte ademais, desde a súa creación, da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, a estrutura de gobernanza do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia que reúne a Administración, centros tecnolóxicos e de investigación, universidades e empresas co obxectivo de sumar capacidades e reforzar o liderado galego neste eido.
Cotelo subliñou que esta nova infraestrutura compleméntase coas capacidades do CESGA e das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Neste sentido, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) contará cun laboratorio mixto USC-CESGA especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear, mentres que AtlanTTic está a impulsar un laboratorio compartido UVigo-CESGA centrado na computación cuántica óptica.
A xornada rematou cun encontro entre a directora da Axencia Galega de Innovación e varios investigadores do CITIC. Entre eles estaban Eduardo Mosqueira Rey, subdirector do centro e coordinador na UDC do Máster en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica, e Diego Andrade Canosa, membro do grupo de investigación de Arquitectura de Computadores e representante da Universidade da Coruña na Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas. Carmen Cotelo incidiu na importancia de formar, consolidar e atraer talento especializado para aproveitar todo o potencial destas tecnoloxías en Galicia.
A nova infraestrutura e o talento investigador asociado contribúen a reforzar o posicionamento de Galicia como territorio de referencia no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas, chamadas a desempeñar un papel clave na resolución de retos complexos en ámbitos como a saúde, a competitividade industrial ou a seguridade das comunicacións. A aposta por este campo enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e no Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027, no que estas tecnoloxías figuran como unha das iniciativas de maior impacto.