O CITIC ampliará as súas infraestruturas con orzamento do Plan Renove Universitario
mércores, 12 de xullo do 2023
O
presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou un Plan de
Infraestruturas Universitarias co obxectivo de “seguir avanzando na
consolidación da excelencia e a calidade do sistema universitario
galego”. Fíxoo durante a sinatura do protocolo de colaboración
entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas
que posibilitará estas melloras e que vai a mobilizar máis de 100
millóns de euros ata 2026. Entre
os proxectos previstos inclúense os novos edificios do CITIC 2 da
UDC.
Ademais,
o protocolo inclúe o Centro de Investigación da Industria
Intelixente de Ferrol e o Centro de Enxeñaría Aeroespacial de
Ourense, entre outros proxectos relevantes.
Sobre
os plans da UDC para a Coruña, o seu reitor, Julio Abalde, precisou
que a intención é construír o CITIC 2, dedicado á investigación
en Intelixencia Artificial e Big Data
(análise da información a gran escala) e que formaría parte da
denominada Cidade das TIC.
Rueda
salientou que este proxecto conxunto reforza a colaboración entre a
Xunta e a educación superior, ao tempo que garante o estado óptimo
dos edificios, aulas ou laboratorios dos campus. “Temos tres
universidades con diferentes necesidades de rehabilitación e de
facer novos edificios, necesidades de sedes dignas, modernas e
adaptadas a todos os cambios que están xa aquí e os que teñen que
vir e dos que as universidades teñen que ser ademais promotoras e os
mellores expoñentes”, destacou.