O CITIC brinda o seu apoio á Eurovisión da Intelixencia Artificial: o AI Song Contest

martes, 29 de agosto do 2023 S. P.

A Coruña será este mes de novembro a capital mundial da música creada con Intelixencia Artificial (IA). Isto será posíbel a través da celebración do certame internacional AI Song Contest 2023, coñecido como a Eurovisión da IA. Será no edificio CSA da Cidade das TIC e no Studio Follow o vindeiro mes de novembro. Ao evento uniuse o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, aproveitando a oportunidade para divulgar os múltiples beneficios da IA nas diferentes vertentes e disciplinas creativas, por exemplo na música. O lema será Walking With AI (O Camiño da IA). O prazo para presentar achegar, cómpre lembralo, aínda está aberto: até o 4 de setembro.
Até esa data, artistas, seareiros da IA e outros perfís vencellados á innovación cultural de todo o mundo están convidados/as a presentar a súa composición co-creada con IA. A organización agarda recibir composicións musicais de todos os xéneros, desenvolvidas conxuntamente por equipos multidisciplinares compostos por músicos, técnicos ou enxeñeiros con axuda da IA. Máis información sobre prazos, programación e contido, na web do evento.
O 4 de novembro: cita clave
AI Song Contest celebrará a súa edición 2023 na cidade da Coruña o 4 de novembro. O evento será precedido dunha cerimonia de inauguración, o venres 3 de novembro á noite, na Cidade das TIC. Complementarase co congreso AI & Creation Day, que está previsto para a mañá e a tarde do sábado 4, cunha programación de charlas e mesas de debate ao redor da música xerada con tecnoloxías avanzadas e sobre os dereitos de propiedade intelectual. Expertos na materia tamén afondarán nas estratexias creativas empregadas polos equipos finalistas, proporcionando información sobre os procedementos que se agochan tralas súas creacións xeradas por IA. Logo destas actividades de divulgación, o público asistente poderá participar na gran final en Studio Follow, na Grela, cun programa de televisión en directo destinado a festexar a colaboración entre seres e humanos e máquinas arredor da creación musical.
O AI Song Contest é un concurso internacional organizado por AI Song Contest Foundation. Os gañadores do ano pasado recibiron premios en metálico e a oportunidade dunha residencia artística dunha semana en Sony CSL París. A edición 2023 está patrocinada pola Xunta a través de Turismo de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e Clúster TIC Galicia. O evento está producido por Follow. Tamén conta co apoio de Afundación, Cidade das TIC, Amsterdam Music Lab, Infinite Album, DIHGIGAL, Balidea, DataSpartan e AGASOL. Ten o soporte de CITIUS, CITIC, o Consello da Cultura Galega, AIHUB CSIC, Goldsmiths University of London, OdiseIA e Microsoft. Tamén colaboran Artificia, o Parque Empresarial da Grela e a Confederación de Empresarios da Coruña. Código Cero, Nós Televisión, Quincemil e GCiencia son medios colaboradores.

PUBLICIDADE