O CITIC contribúe a predicir o risco de cardiotoxicidade en cancro de mama

martes, 7 de marzo do 2023 S. P.

Ana López, Beatriz Piñeiro e Ricardo Cao

Un grupo de investigadores do CITIC da UDC vén de dar os primeiros pasos nun proxecto que permite medir a probabilidade de padecer cardiotoxicidade en mulleres que reciben tratamentos potencialmente cardiotóxicos. O proxecto ten o seu alicerce nun estudo levado a cabo nun total de 531 pacientes do Hospital Universitario da Coruña, durante os anos 2007 e 2021. O principal obxectivo do traballo é mellorar a calidade de vida das mulleres doentes e abrir novas vías na medicina personalizada, amais de permitir que a investigación se anticipe ás variábeis clínicas.
Segundo explican fontes do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o de mama é o primeiro cancro entre a poboación feminina e un dos de maior incidente en Galicia. Cada ano detéctanse na nosa comunidade máis de 2.000 novos casos, segundo datos do Observatorio contra o Cancro da AECC. Tendo en conta estes datos preocupantes, un equipo de investigadores do CITIC da UDC vén de finalizar a primeira fase dun estudo estatístico que mide a probabilidade de padecer cardiotoxicidade en mulleres que reciben tratamentos potencialmente cardiotóxicos. O traballo é froito da colaboración con Alberto Bouzas Mosquera e Cayetana Barbeito Caamaño, cardiólogos pertencentes ao INIBIC.
“A clave está en poder estimar, en función das variábeis clínicas que obtemos a través de técnicas eco-cardiográficas denominadas Doppler, a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, así como coñecer o tempo que pode transcorrer ata que a paciente desenvolve a doenza”, explica a investigadora do CITIC da UDC Beatriz Piñeiro Lamas. Tema central da súa tese de doutoramento e de diversos congresos científicos, o estudo rexistrou datos de 531 pacientes do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) durante os anos 2007 e 2021.
Medicina de precisión coa máis precisa das ciencias
O traballo co-dirixido desde o CITIC por Ricardo Cao e Ana López Cheda, está encamiñado a abrir noticias e esperanzadoras vías no eido da medicina oncolóxica personalizada a través das matemáticas, “de maneira que poidamos responder a preguntas concretas como: cal é a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, que factores poden facer que esa probabilidade aumente, cal é o período de maior risco ou que factores poden atrasar a aparición da cardiotoxicidade”, sinala Beatriz Piñeiro.
“En todos eles, medir a variábel tempo pode resultar esencial para ser capaces de anticiparnos á enfermidade, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das pacientes”, conclúe a investigadora do CITIC.
Efectos adversos dos fármacos
Segundo explican, o trastuzumab é un dos tratamentos potencialmente cardiotóxicos de uso común en quimioterapia que se adoita empregar en cancro de mama. Pódese usar para tratar esta doenza en fase inicial ou avanzada. Para ao redor do 20% das pacientes con cancro de mama cuxos tumores sobre-expresan a proteína HER2, o uso de trastuzumab (un anticorpo humano dirixido contra esta proteína) é unha opción terapéutica importante para o tratamento de casos metastásicos ou localmente avanzados. A disfunción ventricular por trastuzumab adoita ser habitual. A súa detección precoz mediante técnicas de imaxe (ecocardiogramas) permite a modificación de protocolos terapéuticos e o inicio de fármacos cardio-protectores que contrarresten o seu efecto negativo. O uso avanzado da estatística ao comezo do tratamento con efecto anticipativo, tal e como se presenta no traballo do CITIC, pode converterse nun poderoso aliado na mellora da calidade de vida das pacientes.

PUBLICIDADE