O CITIC culminou un proxecto para mellorar o rendemento dos serradoiros mediante Visión Artificial
luns, 26 de abril do 2021
O
CITIC
(Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) informou do
remate do proxecto AOAIRE, destinado a desenvolver un sistema de
cubicaxe de madeira mediante Intelixencia Artificial. O equipo do
CITIC responsábel de dar forma a esta tecnoloxía estivo formado por
Marcos Gestal e Julián Dorado, xunto con Alejandro Pazos, Nieves
Pedreira e Cristian R. Munteanu.
O
proxecto, financiado polo programa Conecta PEME, consiste en achegar
un recurso avanzado para mellorar o rendemento dos sistemas de
secado, probar novas tecnoloxías de secado e reducir o custo
relacionado coas devanditas operacións nos serradoiros de Galicia. A
tarefa do equipo investigador centrouse en facilitar a cubicaxe da
madeira nas operacións posteriores ao secado.
O
CITIC lembra que a o sistema colleu impulso para encher un importante
baleiro nas ditas empresas, nas que até o de agora, para calcular o
volume da madeira, viña empregándose un valor medio ante a
imposibilidade de facer un cálculo preciso. “Este cálculo medio
realizábase á baixa, o que facía perder ingresos aos serradoiros”,
informan fontes do centro coruñés, engadindo que con este proxecto
“obtéñense datos máis precisos e evítase esa perda de
ingresos”.
O
sistema desenvolvido componse de dous subsistemas:
- Un
equipo físico que encarga de escanear o código de barras único de
cada palé e tomar imaxes do mesmo.
- Un
sistema software que permite calcular o volume da madeira en función
das imaxes tomadas e dos datos de altura e lonxitude dos taboleiros
facilitados polo serradoiros. O software, neste punto, é capaz de
detectar os ocos existentes entre as táboas, o que lle permite facer
un cálculo preciso do volume de taboleiros.
Este
proxecto está enmarcado dentro do programa Conecta PEME da Axencia
Galega de Innovación (GAIN), que ofrece axudas para a realización
de proxectos de I+D+i, en colaboración entre empresas en áreas
estratéxicas para Galicia.