O CITIC da UDC implicouse na 26ª entrega de Ciencia en Acción
mércores, 12 de novembro do 2025
Persoal investigador do CITIC da UDC e de Talentos Inclusivos participou entre os días 7 e 9 de novembro na 26ª edición de Ciencia en Acción, un concurso internacional dirixido a estudantes, docentes, persoal investigador e divulgadores/as da área xeográfica iberoamericana.
Adriana Dapena Janeiro e Lucía Martínez Rodríguez presentaron CitasTIC: Divulgación no CITIC, unha proposta do centro de investigación cuxa finalidade é difundir os resultados de investigación do persoal do centro, trasladando dunha forma accesible estes contidos ao público xeneral, que recibiu a mención de honra na modalidade de Tecnoloxía, Informática e Robótica.
Durante a primeira convocatoria, persoal investigador do centro colaborou no desenvolvemento e deseño de material de divulgación enfocado a áreas como a IA, a computación cuántica, a bioinformática ou sinais e sensores. En base a isto, deseñáronse paneis explicativos que proporcionan información básica, datos históricos e figuras relevantes en cada ámbito, ademais de xogos educativos deseñados para nenos e nenas. Estes recursos expuxéronse en feiras como o Día da Ciencia na Rúa, así como en centros educativos e museos.
Os paneis desenvolvidos son: Computación Cuántica (en colaboración cos investigadores Diego Andrade Canosa, Álvaro Leitao, Carlos Dafonte, Eduardo Mosqueira e María J. Martín; nel explícase que é a computación cuántica, por que 2025 foi declarado o ano internacional desta ciencia ou como pode impactar nas nosas vidas), Intelixencia artificial Verde (en colaboración cos investigadores da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes Javier Tarrío, Patricia Faraldo, Verónica Bolón e Richard Duro; este panel explica aspectos como que é exactamente a IA verde ou cal é o consumo enerxético real dos programas baseados en IA), Sinais e sensores (coa participación de Adriana Dapena, Francisco Javier Vázquez, Paula Castro Castro, Paula de Santos e Raúl Fraiz; este panel explica cal é a función dos sensores na vida cotiá ou como poden axudar ás persoas con discapacidade); e Bioinformática (con Carlos Fernández Lozano, Diego Fernández Edreira e Lucía Martínez Rodríguez; que traballan no proxecto europeo RePo-SUDOE -Interreg Sudoe- que explica en que consiste esta disciplina ou como conecta a bioloxía coa informática e a estatística).
Por outra banda, o equipo (formado polos investigadores do CITIC Jorge Rivadulla e Paula de Santos, xunto coa responsable de proxectos de Talentos Inclusivos, Irene Brage) presentou unha escolma de retos tecnolóxicos desenvolvidos nas súas diferentes edicións, con foco en inclusión, creatividade e accesibilidade tecnolóxica. A presenza de Talentos Inclusivos enmárcase no recoñecemento obtido como gañador da edición anterior do certame (modalidade online) na categoría Ciencia e Valores.
Durante a xornada do sábado, a caseta do proxecto espertou gran interese entre o público pola exposición de solucións tecnolóxicas inclusivas co-creadas con alumnado e profesorado de centros educativos galegos, entre as que destacaron o taboleiro electrónico didáctico do IES de Ortigueira, os licornios e o taboleiro de pictogramas do IES Zalaeta. Ademais, programáronse propostas como unha Nintendo Switch equipada con mandos adaptados mediante impresión 3D, o xogo Compra comigo, unha ferramenta educativa e terapéutica para traballar habilidades cognitivas e psicomotrices nun contexto lúdico relacionado coa compra cotiá, e varias experiencias de realidade virtual (RV) especificamente deseñadas para persoas con discapacidade.
Tres días de divulgación científica
O CITIC explica que ao longo de tres xornadas, Ciencia en Acción converteu Onda nun gran escenario científico que reuniu a centos de estudantes, docentes e divulgadores de toda Iberoamérica, compartindo co público experimentos, investigacións e proxectos innovadores. Os espazos La Cassola, La Campaneta e a Pista do Castelo albergaron máis dun centenar de actividades, entre talleres, exposicións, proxeccións e demostracións en directo, ademais de charlas, monólogos e representacións teatrais ao redor da ciencia. No Ágora Científico presentáronse os 20 proxectos escolares finalistas, mentres que a Feira da Ciencia reuniu 66 propostas interactivas elaboradas por estudantes. A Posta en Escena, celebrada na Pista do Castelo, ofreceu montaxes teatrais e audiovisuais abertos a todo o público.
O certame, organizado en colaboración coa Rede Innpulso de Cidades da Ciencia e a Innovación, contou coa participación de universidades, entidades científicas e asociacións educativas de toda España, así como co apoio do Concello de Onda. A clausura culminou coa cerimonia de entrega de premios no Teatro Mónaco, onde se recoñeceron os mellores proxectos desta XXVI edición.
O CITIC, presente en SIMO
Un traballo de investigación educativa da investigadora do CITIC Adriana Dapena, foi seleccionado como finalista dos premios de Mellor Experiencia Docente Innovadora e Tecnolóxica e Mellor Experiencia Innovadora que se entregan no Salón Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa (SIMO Educación), cita de referencia organizada por IFEMA en colaboración con Educa 3.0. Nesta edición, foron elixidas 35 experiencias de entre máis de 200 candidaturas.
Estes recoñecementos poñen en valor iniciativas que impulsan a transformación dos procesos de ensino e aprendizaxe a través de metodoloxías pedagóxicas innovadoras e a integración de tecnoloxías emerxentes. Neste marco, Adriana Dapena presentou un novo enfoque baseado na metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo para o desenvolvemento de traballos fin de carreira, destacando como esta proposta contribúe á formación en sustentabilidade, ética e igualdade de xénero, liñas estratéxicas para o CITIC.
