O CITIC da UDC impulsa a cooperación en innovación coa Semana de Iniciativas e Proxectos Internacionais

luns, 26 de xaneiro do 2026 S. P.

O CITIC da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, acolle desde este luns 26 e ata o venres 30, a segunda edición da WIIPRO – Week of Initiatives and International Projects, consolidando este encontro como un espazo chave para a creación de sinerxías internacionais no ámbito da investigación e a innovación.
Ao longo da semana, o centro recibirá a representantes de entidades internacionais de prestixio como AffectLog (Francia), LINKS Foundation (Italia), CITC Eurarfid (Francia), Mondragon Unibertsitatea, CCG/ZGDV Institute e GECAD – Polytechnic of Porto, que participan xunto a persoal investigador e colaboradores do CITIC en distintas actividades de traballo e networking, e no programa contarase con espazo para coñecer en maior profundidade proxectos singulares financiados con fondos europeos, entre os que destacan 3i-ICT (Marie Curie pre-doc coordinado polo CITIC) e FLOTALIA (Optimización Intelixente de Frotas, con Alia Technologies e IDIMPA, en colaboración co investigador do CITIC Salvador Naya Fernández).
A WIIPRO Week ten como obxectivo principal sentar as bases de futuras colaboracións e proxectos internacionais, favorecendo o intercambio de coñecemento e a identificación de liñas estratéxicas comúns. As reunións e dinámicas desenvolvidas durante a semana permitirán avanzar na preparación de propostas conxuntas nos próximos meses.
Con iniciativas como a WIIPRO Week, o CITIC reafirma o seu compromiso coa internacionalización da investigación e o fortalecemento da súa rede de cooperación europea e internacional.