O CITIC da UDC lidera un proxecto europeo para protexer o medio ambiente e mellorar a saúde
xoves, 5 de febreiro do 2026
Un novo proxecto, coordinado por María González Taboada, investigadora do CITIC da UDC, centro da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, busca desenvolver novas estratexias numéricas para entender e predicir como se comportan os fluídos non newtonianos en materiais porosos, como rochas ou tecidos biolóxicos.
Dende o CITIC explican que este tipo de fluídos, que inclúe desde mesturas viscoelásticas ata fluídos con propiedades que cambian co tempo, “resulta difícil de estudar, pero a súa análise é fundamental para múltiples campos científicos e industriais”.
O CITIC engade que os avances que achega o proxecto InNoPor, do programa Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA), “serán clave para optimizar procesos enerxéticos, mellorar técnicas de remediación ambiental (é dicir, as accións destinadas a limpar e restaurar lugares contaminados para protexer a saúde e a contorna) e anticipar fenómenos naturais como a dispersión de cinza volcánica ou o fluxo de coadas de lava”.
Ademais, o proxecto terá impacto en aplicacións biomédicas, por exemplo, na administración eficiente de medicamentos en tecidos complexos.
O consorcio internacional, formado por oito institucións de Europa e América, traballará en conxunto durante os próximos anos para deseñar modelos matemáticos e algoritmos máis precisos e robustos.
Desenvolverase un software de código aberto que integrará estes avances e validarase con datos reais, como os fluxos de lava ocorridos na Palma en 2021.
Así mesmo, o proxecto contempla estudar fenómenos que involucran múltiples fases e efectos térmicos, o que abrirá a porta a aplicacións aínda máis complexas.
As entidades que participan neste proxecto son a University of Strathclyde (UK), RWTH Aachen (Alemaña), Kiel University (Alemaña), WIAS Berlin (Alemaña), IGME-CSIC (España), Universidade de Concepción (Chile) e Universidade do Bio-Bio (Chile).
