O CITIC da UDC premia a innovación da nova xeración tecnolóxica galega

venres, 10 de outubro do 2025 S. P.

O CITIC da Universidade da Coruña recoñeceu este venres 10 de outubro os mellores proxectos de mozos e mozas investigadores na entrega de premios do Congreso XoveTIC 2025, co que se puxo fin á VIII edición do evento celebrado estes dous últimos días na Coruña, co apoio da Xunta de Galicia.
Segundo confirmou o CITIC, os traballos distinguidos nesta edición abranguen unha ampla variedade de temas dentro da enxeñaría informática e das tecnoloxías emerxentes, incluíndo investigacións en ciberseguridade, co desenvolvemento de ferramentas para analizar vulnerabilidades en comunicacións IoT (Internet das Cousas), e en Realidade Virtual aplicada á inclusión, mediante contornos inmersivos que axudan a persoas con lesións medulares a adaptarse ao uso da cadeira de rodas ou a visualizar reformas de vivendas orientadas á accesibilidade.
Tamén hai contribucións encadradas no impacto ético, xurídico e ambiental da Intelixencia Artificial, promovendo reflexións sobre algoritmos sustentables, así como no control de robots cuadrúpedes mediante interfaces inmersivas para operar en situacións de emerxencia.
Amais, destacáronse liñas de traballo en aprendizaxe automática cuántica aplicada ao ámbito financeiro e no estudo de métodos de clasificación de datos complexos, combinando técnicas cuánticas e tradicionais, mesmo cando existen clases de datos moi desiguais, é dicir, cando algúns tipos de información son moito máis frecuentes ca outros.
O subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, acompañado de representantes das cátedras universitarias e entidades colaboradoras que patrocinan os galardóns, presidiu a entrega dos nove premios aos mellores traballos.

Premiados XoveTIC 2025

– Cátedra R – Ao máis relevante no ámbito da seguridade, entendida esta en sentido amplo, tanto ciberseguridade en tecnoloxías da información e das comunicacións como temáticas de seguridade aplicada a outros ámbitos:
-Daniel Feito Pin e José Losada por Developing an Open Source Tool for Man-in-the-Middle (MitM) Attacks on the MQTT Protocol.
– Cátedra NTT Data – Ao máis relevante no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade:
-Diego Cordero Contreras, Rubén Grande, Vanesa Herrera, Mario Jiménez e Javier Albusac por VR-ADAPT: A Virtual Reality Environment for Skill Development in New Wheelchair Users with Spinal Cord Injuries.
– ICACOR (Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña) – Ao máis relevante no ámbito ético-xurídico:
-Vera Iglesias Losada por Algoritmos verdes: impacto ambiental, marco xurídico e ético na Intelixencia Artificial.
– Cátedra ALDABA – WIB (Women, ICT & Business) – Ao traballo máis relevante liderado por unha muller como primeira autora:
-Anabel Díaz-Labrador, Ángel Delgado, Héctor J. Pérez-Iglesias, Óscar Fontenla-Romero e José Luis Calvo-Rolle, por Quadruped robot control using immersive interfaces in emergency contexts.
– ITG – ARQA – Ao traballo máis relevante en tecnoloxía cuántica:
-Fernando Alonso e Álvaro Leitao Rodríguez por Quantum Machine Learning for Financial Applications.
– CPEIG – Ao mellor traballo con primeiro autor estudante ou titulado/a en Enxeñaría Informática:
-Xoel Penas, Javier Taibo, José A. Iglesias-Guitián e Emilio J. Padrón por Immersive Visualization of Home Renovations for Accessibility Using Virtual Reality.
– Clúster TIC Galicia – Ao mellor póster:
-Paula de Santos Dorrego, Jorge Rivadulla Brey, Javier Andrade Garda e Víctor Carneiro Díaz, por HATHOR – Accessible Automation and Interaction in a Hydroponic Garden for People with Disabilities.
– Clúster TIC Galicia – Á mellor comunicación oral:
-María Bugallo Porto e Domingo Morales González por Methodological Advances in Robust Small Area Estimation.
– Fundación CITIC de Galicia – Ao máis relevante en investigación básica ou teórica:
-Fernando Mondragón Sampedro e Diego Álvarez Estévez por Quantum and classical kernels applied to classification of unbalanced datasets.

Innovación con impacto

Tras a entrega de premios, tivo lugar o acto de clausura do VIII Congreso XoveTIC, presidido por José Anta Álvarez, Adxunto de Transferencia da UDC, acompañado por Juan Ignacio Borrego Vázquez, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña; Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC; Elena Hernández Pereira, vicedecana de Relacións Institucionais da Facultade de Informática da UDC; e Andrés Sastre Portela, director de proxectos do Clúster TIC Galicia.
“É un orgullo para o CITIC recoñecer o talento e a dedicación dos nosos mozos e mozas investigadores, que demostran día a día que a innovación tecnolóxica pode ter un impacto real na sociedade”, afirmou Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC, engadindo que “proxectos como os premiados hoxe, que abranguen desde a ciberseguridade ata a IA aplicada e a Realidade Virtual inclusiva, reflicten a diversidade de áreas nas que o noso alumnado e doutorandos están a liderar avances significativos”. Apuntou tameń que “estes galardóns non só premian a excelencia científica, senón tamén o compromiso social de quen está a construír solucións tecnolóxicas responsables e sustentables, capaces de mellorar a vida das persoas e contribuír a un futuro máis inclusivo e seguro”.
Na súa intervención, os representantes institucionais coincidiron tamén en destacar o alto nivel científico e a proxección internacional do congreso, así como o papel clave do CITIC e da UDC como espazo de impulso ao talento novo e á transferencia de coñecemento.