O CITIC desenvolve un dispositivo de medición da contaminación luminosa que se aplicará en contornas costeiras sensíbeis

venres, 4 de agosto do 2023 S. P.

A contaminación luminosa é un problema que non só impide admirar as estrelas, senón que tamén afecta á fauna nocturna, á produción dos ecosistemas mariños e, incluso, á saúde humana. Nun momento no que a luz artificial inunda cada vez máis o ceo nocturno, cómpre atopar solucións para paliar os seus efectos nocivos.
Para contribuír a este obxectivo, o proxecto Gaia4Sustainability, coordinado cun equipo da Universitat de Barcelona e liderado no CITIC polos investigadores Carlos Dafonte e Minia Manteiga do CITIC, basease nos datos proporcionados polo satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA), consorcio europeo no que levan colaborando preto de 20 anos. O proxecto foi financiado na convocatoria “Proba de Concepto” da Axencia Estatal de Investigación e o seu obxectivo na UDC é deseñar, a baixo custo, un dispositivo de uso libre para a comunidade que acade unha precisa medición do nivel de brillo nocturno e concretamente da contaminación luminosa, con comunicación en tempo real. Para iso é preciso que compare as medicións de campo cun modelo teórico que proporciona o nivel de iluminación natural. Ademais dos investigadores mencionados, neste proxecto traballa Daniel Boubeta, investigador contratado no CITIC.
O modelo de brillo nocturno, denominado GAMBONS, está sendo desenvolvido na Universitat de Barcelona polo equipo dos investigadores Eduard Masana e Xavier Luri. O dispositivo fotométrico, bautizado co nome FreeDSM, conta cunha tecnoloxía de software en código aberto e fabrícase con pezas económicas e convencionais, moitas das cales pódense conseguir cuhna impresora 3D. A idea que impulsa o proxecto, por unha banda, é que o dispositivo sexa sinxelo de construír, accesíbel a calquera persoa, e por outra, que as medidas que leve a cabo o usuario poidan aportar datos da súa zona, cun enfoque moi orientado á ciencia cidadán.
“Comezamos realizando un pequeno prototipo cunha Raspberry Pi e un sensor luminoso”, explican os investigadores Dafonte e Boubeta. A partir de aí, fóronse incorporando novas funcionalidades e sensores, co que obtiveron un dispositivo máis grande e sofisticado. O encarecemento das Raspberry debido á crise dos compoñentes marcou a necesidade de reinventar o deseño. “Lembremos que a idea era crear un fotómetro económico, que non superase os 30 euros, e só a Raspberry Pi xa superaba os 100. Así que cambiámola por un chip ESP32, menos potente pero moito máis pequeno e barato, xa que custa sobre 3 euros”, explican. Ao ser un dispositivo que se emprega na intemperie, buscouse unha solución para a carcasa que fose resistente a condicións adversas. Así, o deseño adaptouse para encaixarse dentro dun tubo de PVC convencional: resistente, sinxelo de atopar e barato. Ademais, deste xeito aumenta a súa versatilidade para o usuario, pois ofrece espazo sobrante para incorporar máis sensores e compoñentes.
O prototipo xa se puxo a proba en diversos escenarios con resultados satisfactorios. “O máis curioso e esixente, unha batea na ría de Aldán”, comentan os investigadores. Os próximos pasos consistirán en acadar que os FreeDSM aporten un gran volume de datos cos que realizar unha calibración máis detallada dos seus sensores, aumentar as funcionalidades, expandir as opcións de conectividade e incluso introducir técnicas de Intelixencia Artificial para refinar a súa precisión.
Estudo da contaminación lumínica nas rías de Vigo e Pontevedra
O CITIC estableceu unha colaboración co Centro de Investigación Mariña da UVigo (CIM) para avaliar o impacto da contaminación luminosa na productividade biolóxica das rías de Vigo e Pontevedra a través deste fotómetro e os datos da Gaia4Sustainability. A participación do CIM neste proxecto permitirá incluir as medidas de contaminación na monitoraxe continua que se realiza das condicións físicas e químicas nas rías galegas. Para isto, instaláronse unha unidade de FreeDSM na plataforma de experimentación e observación mariña da ría de Aldán e outra no pantalán da Estación de Ciencias Marinas de Toralla (ECIMAT) do CIM.
O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, destacou que “este proxecto supón outro avance na transferencia de coñecemento á sociedade dende o CITIC da UDC. Neste caso, ponse de manifesto a utilidade de determinadas solucións tecnolóxicas (un fotómetro) na industria do mar (produción de mexillón) no contexto de contaminación luminosa e, en definitiva, do desenvolvemento sustentábel”.

PUBLICIDADE