O CITIC e ASPACE Coruña presentan a terceira edición de Talentos Inclusivos
venres, 4 de novembro do 2022
A
Domus da Coruña acolleu este venres 4 de novembro a presentación da
nova edición, a terceira, do programa Talentos
Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a
Asociación de Padres de Personas con Parálise Cerebral de A Coruña
(ASPACE) para facilitar a inclusión das persoas con diversidade
funcional. Segundo se fixo saber, nesta nova convocatoria 2022-2023
participarán unha decena de centros de Secundaria e Bacharelato.
En
palabras de Manuel F. González Penedo, director do CITIC, Talentos
Inclusivos “é un exemplo de colaboración entre un centro de
investigación e unha entidade do terceiro sector, para o que poñemos
á súa disposición aplicacións, programas ou diferentes
tecnoloxías que axuden a mellorar procedementos e métodos e
faciliten a vida cotiá nos ámbitos persoal e social daquelas
persoas que adoitan atopar máis obstáculos no acceso ás TIC”.
A
través de Talentos Inclusivos o alumnado de Secundaria e Bacharelato
terá que buscar solucións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) aos retos detectados
por ASPACE Coruña coa finalidade de cumprir o dobre obxectivo do
programa: espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría
e Matemáticas) entre a xuventude e dar a coñecer a discapacidade a
través de equipos cooperativos de traballo para resolver os desafíos
propostos polas persoas con diversidade funcional.
Entre
os retos detectados para este curso destacan a busca de solucións
tecnolóxicas para crear un xeolocalizador de prazas de discapacidade
no Concello da Coruña, un botón adaptado para o acendido e apagado
do computador, un soprador de velas adaptado, a adaptación do
guiador en impresión 3D para persoas con diminución de forza motora
ou parálise parcial (hemiparesia) e un showroom de habitación
domotizada.
Colaboración
do Concello
Na
presentación do proxecto, ademais das entidades promotoras, o CITIC
e ASPACE Coruña e alumnado dos centros educativos, participaron
representantes das institucións que apoian o programa, coma por
exemplo o Concello da Coruña, institución que se sumou ao programa
a pasada edición. A súa alcaldesa, Inés Rey, salientou o seguinte:
“O alumnado e os colexios da cidade que toman parte este ano no
programa Talentos Inclusivos poden contar co noso compromiso para
garantir que as súas ideas e proxectos chegarán ao tecido
asociativo da cidade, porque é a transferencia de coñecemento desde
o tecido investigador e formativo, á cidadanía, o que permite que
os avances pasen a ser reais e efectivos ".
Presenza
de Román Rodríguez
Na
mesma liña que a rexedora coruñesa, o conselleiro de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez
gabou esta iniciativa que “enlaza dous ámbitos clave”, dixo,
“como son a convivencia escolar e a formación STEM (Ciencia,
Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) ao servizo dun sistema
educativo de calidade e equitativo, dous aspectos que consideramos
esenciais para garantir un modelo comprometido xusto e dinámico para
todo o alumnado como é o caso do ensino galego, que é un referente
nacional e internacional na aposta pola accesibilidade, a inclusión
e a atención á diversidade”.
Pola
súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade da
Coruña, Antonio Abril Abadín, resaltou que Talentos Inclusivos
entronca directamente cos valores e os principios que defende o
Consello Social da UDC como son a procura dun modelo educativo máis
inclusivo e unha universidade socialmente responsable, “o que nos
levou desde o primeiro momento a colaborar estreitamente co CITIC e
ASPACE Coruña para impulsar este ilusionante proxecto”. Esta
iniciativa, asegurou, “demostra que a colaboración
universidade-empresa-terceiro sector xera polos de innovación
capaces de contribuír a satisfacer necesidades e inquedanzas sociais
de primeiro”.
Así
mesmo, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a
Tecnoloxía (FECYT), Imma Aguilar, incidiu no apoio a este proxecto
que segundo dixo enmárcase dentro dos obxectivos da fundación de
“catalizar, impulsar a conexión entre a ciencia e a diversidade”.
E engadiu: “Temos o reto de facer unha ciencia inclusiva para todas
as persoas e é un orgullo apoiar este proxecto”.
Uns
apoios que agradeceu tamén a presidenta de ASPACE Coruña, María
del Carmen Barreiro Santos, quen sinalou que Talentos Inclusivos é
“unha oportunidade para amosar as grandes capacidades que teñen as
persoas con parálise cerebral, porque o talento non entende de
barreiras” e agradeceu a implicación do profesorado e alumnado.
Para
rematar a presentación da terceira edición, o subdirector do CITIC
e investigador principal do
proxecto,
Javier Pereira, xunto ao fisioterapeuta de ASPACE Coruña, Rubén
Carneiro, fixeron balance do traballo realizado anos anteriores, nos
que chegaron a 280 estudantes de 11 centros de ensinanza coruñeses e
afondaron nas propostas e os retos a afrontar este curso 2022-23.
Tamén achegaron a súa experiencia en canto á participación no
proxecto dúas usuarias de ASPACE Coruña e representantes do
alumnado dun centro educativo implicado na edición anterior.
