O CITIC mostra á ministra Sira Rego o potencial social e solidario da nova canteira TIC galega
xoves, 23 de outubro do 2025
A ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, acompañada do secretario de Estado de Mocidade e Infancia, Rubén Pérez, visitou o CITIC da Universidade da Coruña, no marco dun convenio que se asinará nos vindeiros días para promover a cooperación e o desenvolvemento científico, cultural e tecnolóxico no ámbito da infancia e a mocidade. No Centro TIC da UDC coñeceu este xoves 23 de outubro, de primeira man, as liñas de investigación e os proxectos orientados a promover a cultura científica entre a mocidade a través do uso das tecnoloxías da información con fins sociais.
A ministra foi recibida por Ana Isabel Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social; Amalia Jácome Pumar, adxunta de Investigación da UDC; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o director do CITIC, Manuel González Penedo; e o subdirector, Javier Pereira.
A dirección do CITIC presentou as principais áreas de traballo do centro, destacando a súa aposta por achegar a investigación á sociedade e espertar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) desde idades temperás.
“O noso sinal de identidade como centro é que todo o que fagamos aquí teña un impacto social. Captar talento novo é un reto, por iso impulsamos programas escolares que acheguen a ciencia e a tecnoloxía ás aulas”, sinalou o director do CITIC.
Durante o encontro, varios investigadores do centro presentaron o seu traballo en áreas aliñadas cos obxectivos do Ministerio de Mocidade e Infancia. Francisco Bellas Bouza explicou as iniciativas en IA aplicada á educación, orientadas a formar docentes e estudantes no uso responsable da IA, entre outras. Javier Pereira Loureiro e Betania Groba González amosaron os avances en tecnoloxías para a inclusión a través de Talentos Inclusivos, mentres que Adriana Dapena Janeiro expuxo as actividades de divulgación científica e fomento de vocacións STEM que o CITIC desenvolve con centros educativos.
A visita continuou na Sala de Realidade Virtual, onde se presentaron proxectos enmarcados no programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa de referencia a nivel autonómico e estatal que involucra alumnado de secundaria, bacharelato e Formación Profesional no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas accesibles.
A ministra Sira Rego destacou o valor social e educativo deste tipo de iniciativas: “A contorna dixital tamén é unha fonte de oportunidades. No CITIC creastes puntos de encontro e ferramentas de inclusión e de uso comunitario a través da tecnoloxía”. Así mesmo, a ministra expresou o seu interese en explorar vías de colaboración co CITIC da UDC no marco da Estratexia Nacional de Contornos Dixitais Seguros, recoñecendo o labor do centro de investigación da UDC no uso responsable e socialmente comprometido das TIC.
Para finalizar a visita, dous investigadores amosaron os seus traballos orientados ao uso da Realidade Virtual para persoas con discapacidade. En primeiro lugar, Emilio Padrón presentou un sistema de visualización inmersiva de reformas domésticas para mellorar a accesibilidade. Pola súa parte, Betania Groba e Manuel Lagos presentaron Supermercado 4.0, unha aplicación de Realidade Virtual (RV) para o adestramento de habilidades motoras, cognitivas e funcionais en persoas con discapacidade e poboación maior.
