O CITIC mostra ao Consello Social da UDC o seu importante labor en investigación e transferencia

venres, 27 de abril do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña celebrou onte unha xornada de portas abertas cos integrantes do Consello Social da UDC. O obxectivo da xuntanza? Pois que os membros do consello tivesen oportunidade de coñecer de primeira man o traballo do devandito centro no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), os proxectos levados a cabo polos seus investigadores e a súa aposta pola transferencia do coñecemento. En termos máis concretos, a comunidade do Consello Social puido dar conta (entre outras cousas) dos detalles de SmartDrones, proxecto para a creación de vehículos aéreos tripulados e intelixentes, impulsado pola firma Avansig, como lembraremos creada por investigadores ligados ao CITIC.
Na cita participaron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde e o director do CITIC, Manuel F. Penedo, quen foron os encargados de recibir aos membros do Consello Social.
O reitor salientou o papel do CITIC “como centro de referencia da UDC que aposta pola transferencia do coñecemento e por terse convertido, grazas aos seus investigadores, non único centro de Galicia recoñecido como Centro Singular de Investigación”.
Pola súa banda, o director de CITIC puxo o foco “na posta en marcha do CITIC como resposta ás demandas dos investigadores, un centro que hoxe en día conta con doce grupos de investigación, nove deles de máxima categoría”. Segundo indicou, esta ducia de grupos ten o nexo común de “fomentar fomentan a relación coas empresas” e de apostar pola liberdade e autonomía dos seus membros para o desenvolvemento e organización das súas actividades. Froito disto e do avanzado coñecemento das/os integrantes, explicou, “tivemos moitas experiencias de spin-off e a maioría delas con éxito”.
Pola súa parte, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, sinalou que “a Universidade da Coruña ten grupos de investigación que se agrupan en centros como ou CITIC, estratéxicos para a UDC e moi competitivos”.
Os membros do Consello Social realizaron unha visita guiada polas instalacións do CITIC, que incluíu a demostración dun voo autónomo dun dron, un aparello dos denominados SmartDrones, a liña de vehículos aéreos non tripulados e intelixentes desenvolvida por Avansing. Ademais, os integrantes do Consello puideron coñecer o traballo desenvolvido por diferentes centros de investigación, ademais do CITIC, e pertencentes á UDC. O coordinador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade da Coruña (CITEEC), Juan Ramón Rabuñal, destacou o papel do centro no eido da enxeñaría civil: “Temos cinco grandes laboratorios para desenvolver modelos a escala de infraestruturas, e outros cinco máis pequenos”. Pola súa banda, o coordinador do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), Jaime Rodríguez, sinalou que este departamento é o irmán pequeno dos centros tecnolóxicos, con cinco grupos de investigación biotecnológica, seis relacionados co medio ambiente e tres de ciencia de materiais.

PUBLICIDADE