O CITIC organiza o 7 unha xornada sobre novos vieiros de financiamento para o sector dixital

martes, 24 de maio do 2016 Redacción

erá o martes 7 de xuño cando o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) acollerá na súa sede a Xornada Oportunidades de Financiamento de I+D Sector TIC. Convocatorias CDTI 2016, organizada en colaboración co Clúster TIC de Galicia e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Estamos a falar dun encontro aberto á Universidade, a investigadores e a empresas do tecido tecnolóxico-dixital, inserido nunha serie de actividades que o CITIC organiza co fin de promover a transferencia tecnolóxica cara ao sector empresarial.
Cal é a finalidade desta xornada? Pois presentar as características e oportunidades de financiamento de I+D+i de especial interese para o sector TIC, con convocatoria de CDTI aberta en 2016, entre elas os actuais programas: Innterconecta, PID, LIC, EUROSTARS, EUREKA, IBEROEKA, etc.
Alén disto, as entidades que conformen consorcios de colaboración e/ou lideren proxectos de I+D+i no sector TIC terán a oportunidade de manter reunións bilaterais de 45 minutos con persoal técnico do CDTI, co fin de adquirir unha visión do enfoque deste organismo e do axuste dos seus proxectos ao mesmo. A xuntanza servirá de punto de encontro para o sector de Investigación TIC e as empresas do Clúster TIC, xa que terán á súa disposición un espazo de diálogo e captación de novas ideas.
Todos aqueles interesados en asistir e/ou solicitar entrevistas bilaterais deberán realizar unha inscrición electrónica e enviar ao correo electrónico proyectos@citic-research.org a súa ficha de proxecto conforme modelo CDTI.
Programa
9:15h- 9:30h: Recepción de asistentes
9:30h- 10:15h: "Oportunidades financiamento I+D+i CDTI. Convocatorias 2016"
Manuel González Penedo. Coordinador CITIC.
Luís Maeso de la Morena. Dpto. de Enerxía, Transporte, Fabricación e Sociedade Dixital. Dirección de Promoción e Coordinación. CDTI.
10:15h: Café dispoñíbel
10:15h- 14:45h: Reunións bilaterais Empresas-CDTI
Máximo 6 entrevistas. Duración estimada: máximo 45 minutos.
15:00h: Peche de Xornada

PUBLICIDADE