O CITIC participa na Mobile Week Coruña con obradoiros para a rapazada

xoves, 25 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Coruña vai ser este mes de novembro, entre os días 21 e 28, un fervedoiro de profesionais, empresarios e usuarios de novas tecnoloxías de todo o mundo. A razón? Pois non é outra que o desenvolvemento da primeira convocatoria da Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona (involucrada na organización do Mobile World Congress). Entre os participantes de tan relevante acontecemento atópase o Centro de Investigación TIC (CITIC), con sede no Campus de Elviña, que organizará unha serie de actividades creativas e interactivas de robótica para nenas e nenos.
Segundo lembra o CITIC, o evento MWeekCoruña será unha boa oportunidade para albiscar as tendencias futuras do desenvolvemento dixital en todas as súas vertentes, e tamén para incrementar a colaboración multidisciplinar entre profesionais de toda índole (artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria) arredor das tecnoloxías e da ciencia.
As actividades nas que participa o CITIC son as seguintes:
· 22 de novembro. mWeek Kids: Obradoiros de robótica dirixidos a nenos de 3º de primaria do CEIP Eusebio da Garda da Coruña.
· 23 de novembro. mWeek Kids: Obradoiros de robótica dirixidos a nenos de 3º de primaria do CEIP PP. Escolapios da Coruña.
Segundo informa o Centro de Investigación TIC da UDC, nos talleres de robótica a rapazada terá a oportunidade de coñecer algúns dos avances levados a cabos neste ámbito e probalos en primeira persoa a través de diferentes xogos, co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías aos máis pequenos e espertar o interese por elas.
· 24 de novembro. mWeek Kids: Conxuntamente coa operadora realizaranse os talleres Crea R.
Para nenas e nenos de 9 e 10 anos, ás 10.30 h nas instalacións do CITIC.
Para nenas e nenos de 7 e 8 anos, ás 12.30 h nas instalacións do CITIC.
Para nenas e nenos de 9 e 10 anos e unha charla para nais e pais de maneira paralela, ás 17.00 h nas instalacións do CITIC.
· 26 de novembro. mWeek Labs: Como construír modelos de Intelixencia Artificial para Móbiles e IoT. Xunto con Accenture Dixital, realizarase un taller nas instalacións do CITIC no que as e os participantes poderán adquirir unha visión global sobre a estado da arte dos sistemas intelixentes, construír un clasificador de imaxes, etc.
Máis detalles do acontecemento
A programación de Mobile Week Coruña inclúe distintos actos de carácter transversal, de balde e para todos os públicos, e que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo municipal, a Área Metropolitana e Compostela, na Cidade da Cultura. Haberá relatorios, mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, obradoiros e xornadas infantís, entre outras accións.
A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS (un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas), mWeek LAB (demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia), mWeek KIDS (actividades para toda a familia) e, por último, mWeek GALLERY (un programa cultural paralelo organizado en colaboración con entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas).

PUBLICIDADE