O CITIC participa na feira de divulgación científica LandraCiencia

xoves, 5 de febreiro do 2026 S. P.

O CITIC da UDC participa nunha nova edición da feira de divulgación científica LandraCiencia este sábado 8 de febreiro, en Carballo (no Mercado Municipal), con dúas propostas. A primeira é o proxecto IA Verde, vinculado á Cátedra UDC-Inditex, no que Verónica Bolón, integrante do equipo organizador do evento, explicará que é a intelixencia artificial e como pode contribuír á sustentabilidade.
A segunda é o Proxecto TuTIC, que presentarán as investigadoras Adriana Dapena e Paula Castro e que permitirá ás persoas participantes crear circuítos eléctricos e experimentar con sensores.
Ademais do ámbito das TIC, a feira encadrada no programa de actividades do Día da Muller e a Nena na Ciencia, ofrece tamén obradoiros e charlas sobre ciencias sociais, da saúde, ecoloxía e actividades lúdicas e zona de experimentos para todos os públicos.
En total, nove equipos de investigación presentarán proxectos punteiros desde as 10.30 ata as 13.30 horas na planta alta do mercado municipal co obxectivo común de achegar a ciencia á cidadanía, fomentar vocacións científicas desde a nenez e visibilizar o papel das mulleres na investigación.
Iniciativas coma a de LandraCiencia, sinala a investigadora do CITIC Verónica Bolón, teñen unha “importancia clave no fomento das vocacións científicas, sobre todo das nenas”, xa que, lembra, “as mulleres aínda somos minoría, arredor do 13%, no campo das ciencias tecnolóxicas”.