O CITIC participa nun proxecto europeo de tecnoloxías intelixentes para a clasificación de residuos
martes, 21 de novembro do 2023
O
Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as
Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña participará nun
proxecto europeo, liderado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente
S.A. (SOGAMA), e no que tamén participa LIPOR – Associação de
Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto
xunto coa Universidade dá Beira Interior (UBI), en materia de
transformación dixital con tecnoloxías intelixentes para a
clasificación de residuos de envases de orixe doméstico.
Segundo
explican fontes do CITIC, o
proxecto GRESINT, financiado con fondos FEDER, foi elixido no marco
da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal, conta
cunha dotación de 787.544,67 euros e unha duración de 3 anos.
“Consiste nun proxecto transversal e innovador que combina
tecnoloxía, sustentabilidade e circularidade, co obxectivo de
revolucionar a xestión de residuos mediante a incorporación de
tecnoloxías intelixentes que melloren a clasificación dos envases e
logren impactar no resto da cadea de valor: recollida, selección,
reciclaxe e valorización dos mesmos”, sinalan dende o centro da
UDC, poñendo o foco nun dos seus grandes beneficios futuros:
“Contribuirá a acadar os obxectivos europeos de reciclaxe,
permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de
alta calidade conforme aos preceptos da economía circular”.
O
proxecto, liderado por SOGAMA (Galicia) céntrase na introdución de
sensores, Visión Artificial, Intelixencia Artificial e
clasificadores robóticos. A idea é “xerar e procesar datos sobre
os materiais seleccionados para mellorar a toma de decisións e
anticipar situacións no ciclo integral da xestión de residuos”.
O
CITIC, da man dos investigadores Carlos Vázquez Regueiro e Miguel
Rodríguez Luaces, terá un papel decisivo no desenvolvemento do
software piloto común para ambas as plantas, adaptado ás súas
necesidades específicas. A plataforma de IA busca crear un Data
Lake que almacene datos seleccionados e relevantes de ambas as
plantas para a súa análise, adestrando así mellor o algoritmo e
acadando mellores resultados. A recompilación de datos incluirá a
limpeza e preparación da información, asegurando a privacidade e
seguridade dos datos. Cada planta contará cun servidor para
rexistrar e procesar internamente os datos dos sensores, compartindo
a información procesada na plataforma conxunta. “Este enfoque ten
como obxectivo mellorar a toma de decisións en tempo real,
optimizando os procesos e o mantemento das plantas de clasificación”,
engadiu o CITIC.