O CITIC pecha 2017 captando máis de 3 millóns para proxectos competitivos de I+D

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Redacción

O profesor Manuel González Penedo, coordinador do Centro de Investigación TIC

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, rematou ano facendo reconto da súa actividade xerada en proxectos competitivos de Investigación e Desenvolvemento (I+D), unha liña de traballo que non fai máis que confirmalo como un dos centros galegos e estatais con meirande capacidade para a obtención de investimentos. Segundo informaron fontes do CITIC, este 2017 rematou cunha captación de fondos para os devanditos proxectos superior a 3 millóns de euros, o que representa un incremento do 10% con respecto ás cifras acadadas en 2016.
Estes e outros datos foron achegados durante a presentación dos resultados da actividade recente do CITIC, por parte de Manuel F. González Penedo, coordinador do centro coruñés, perante boa parte dos preto de 300 investigadores adscritos ao mesmo.
Na cita tamén se fixo fincapé noutros importantes logros, como por exemplo que os trece grupos que integran o CITIC tivesen dado forma en 2017 a arredor de 300 publicacións e 32 contratos abeirados ao artigo 83 da LOU. Tamén se lembrou que nos doce meses que vimos de deixar atrás o centro coruñés foi quen de captar 480.000 euros en proxectos internacionais, 951.000 a nacionais e 1,1 millóns a autonómicos.

PUBLICIDADE