O CITIC pon en marcha as sesións de sensibilización e desenvolvemento tecnolóxico de Talentos Inclusivos

xoves, 14 de xaneiro do 2021 Redacción

JPEG - 63.6 KB
Sesión co alumnado dos Salesianos

O pasado mes de decembro presentou na sede do Centro de Investigación TIC o proxecto Talentos Inclusivos, desenvolvido polo CITIC e ASPACE Coruña co apoio do Consello Social da UDC e co obxectivo de “fomentar vocacións tecnolóxicas entre estudantes e Secundaria e Bacharelato ao tempo que se mostran os atrancos cos que se topan cada día as persoas con diversidades funcionais”. O programa, que recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), colleu impulso co inicio do ano, coa arrinque das sesións de sensibilización sobre a parálise cerebral (unha vez definidos todos os equipos de traballo e os retos a desenvolver por parte dos centros educativos participantes no proxecto).
Esta semana tiveron lugar as sesións co colexio Calasanz PP. Escolapios, o IES de Ortigueira e o colexio Salesianos San Juan Bosco. Nestes primeiros encontros, os usuarios e profesionais de ASPACE Coruña explicaron aos estudantes dos diferentes centros educativos que é a parálise cerebral, como a viven persoalmente e que limitacións lles supón para desenvolver unha vida plena. Tamén destacaron como as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), e especialmente a robótica e a domótica, poden axudar a mellorar a súa calidade de vida.

JPEG - 42.5 KB
Un intre da xornada no centro Escolapios

Sesión de sensibilización co colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña
Esta sesión celebrouse o 11 de xaneiro e nela participaron máis de 70 alumnos das dúas aulas de 1º de bacharelato do colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña.
Desde as aulas do Calasanz, o alumnado e o seu profesor Roberto Catoira comezaron a traballar no desenvolvemento de distintas solucións de robótica adaptadas ás capacidades dos usuarios. En concreto, desde este centro darase forma a robots que poidan ser manexados desde distintos dispositivos como poden ser luvas, volantes adaptados ou mandos controlados desde os pés. Para o dito obxectivo, o centro conta xa co material que lle permitirá empezar a traballar nos primeiros prototipos, como son dúas placas Micro:bit, un robot e unha impresora 3D para o desenvolvemento das adaptacións.

JPEG - 64.1 KB
Traballo a través de vídeo-conferencia co IES de Ortigueira

Sesión de sensibilización co IES de Ortigueira
O 12 de xaneiro celebrouse a sesión de sensibilización sobre a parálise cerebral co IES de Ortigueira. O subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, e a investigadora Carla Guerra presentaron o proxecto Talentos Inclusivos ao equipo de traballo do instituto, formado por dez alumnos e alumnas de 1º de bacharelato e a súa profesora Patricia Hermida.
Así mesmo, dous usuarios de ASPACE Coruña suscitaron o reto a desenvolver polo equipo de Ortigueira, que consistirá no desenvolvemento de xoguetes adaptados ás súas necesidades. Os mozos de ASPACE Coruña mostraron a dificultade que entraña para eles o simple acendido dun xoguete convencional.
Sesión de sensibilización co colexio Salesianos San Juan Bosco
O 13 de xaneiro desenvolveuse a sesión de sensibilización co colexio Salesianos San Juan Bosco. O equipo de estudantes puido visualizar a través do equipo de usuarios de ASPACE diferentes formas de manifestarse a parálise cerebral, e como nalgúns casos non afecta ao fala en absoluto e como noutros afecta totalmente, sendo necesaria a utilización dun taboleiro con pictogramas para comunicarse.
Os usuarios de ASPACE explicáronlles aos estudantes dificultades concretas ás que se enfrontan no seu día a día como o aceso e apagado dun ordenador, o uso dun teléfono móbil e a utilización dun timbre, entre outras, concienciando aos mozos da necesidade de que a tecnoloxía sexa universal e accesíbel para todas e todos.
O equipo de traballo de Salesianos mostrou moito interese por resolver un reto tecnolóxico relacionado coa sensórica ou o desenvolvemento de botóns adaptados.
As vindeiras sesións desenvolveranse ao longo do mes de xaneiro e serán as seguintes:
– 19 de xaneiro co IES Terra de Trasancos
– 21 de xaneiro co IES Sofía Casanova
– 26 de xaneiro con IES Miraflores
– 27 de xaneiro co IES David Buján

PUBLICIDADE