O CITIC quere mostrar o talento da nosa mocidade investigadora no Congreso XoveTIC

luns, 18 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Á volta do verán a nosa mocidade investigadora e creativa ten unha oportunidade para mostrar e adestrar o seu talento. Estamos a falar do I Congreso XoveTIC, un encontro convocado co obxectivo de ofrecer unha palestra á xuventude innovadora galega: unha xanela na que visualizar os seus proxectos, ideas e propostas e na que sentar os alicerces para meirandes e mellores colaboracións entre a xente nova e as universidades e os centros de investigación.
Segundo informa o Centro de Investigación TIC (CITIC), organizador do congreso, o que se busca é “construír un espazo para o debate para contribuír na formación dos investigadores”. A cita será os días 27 e 28 de setembro. O prazo de inscrición para participar ficará aberto até o 13 de xullo.
As persoas interesadas en participar deberán enviar un abstract de 300 palabras a través deste formulario e os traballos presentados poden ser tanto orixinais como presentados previamente noutros foros. Logo, os traballos seleccionados deberán ser remitidos completos seguindo as especificacións do Templates for computer transaction.
Ademais das comunicacións das/os investigadoras/es, que abranguerán boa parte do programa de actividades (presentacións breves duns 10 minutos de extensión), haberá conferencias plenarias a cargo de persoeiros relevantes no ámbito do TIC a nivel estatal e internacional. Tamén haberá sesións de traballo en rede, obradoiros e exposición de pósteres, ao remate de cada xornada. Colaboran na organización o CiTIUS da USC e o centro AtlantTIC da UVigo.

PUBLICIDADE