O CITIC reforza a súa colaboración co MIT cunha nova edición do programa internacional de prácticas MISTI

xoves, 18 de xuño do 2026 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña estreitou a súa relación co Massachusetts Institute of Technology (MIT) mediante unha nova edición do programa de prácticas internacionais MIT International Science and Technology Initiatives (MISTI), unha iniciativa que facilita a realización de estadías formativas e de investigación de estudantes desta prestixiosa institución estadounidense en centros de excelencia de todo o mundo.
Deste xeito, durante este verán, dous estudantes do MIT desenvolverán os seus proxectos de investigación no CITIC, integrándose en distintos grupos de traballo do centro e colaborando co persoal investigador do centro da UDC.
“Esta nova edición dá continuidade a unha colaboración iniciada o pasado ano e consolida o CITIC como unha contorna de referencia para a formación internacional no ámbito das tecnoloxías da información e das comunicacións”, explicaron fontes do centro coruñés.
Os estudantes participarán en proxectos vinculados a liñas estratéxicas de investigación do centro baixo a supervisión de investigadores do CITIC.
En concreto, David Ranaudo desenvolverá a súa estadía no grupo M2NICA, titorizado polo investigador Ramón y Cajal Álvaro Leitao Rodríguez. Centrará o seu traballo no proxecto Differential Kolmogorov-Arnold Networks for Quantitative Finance, no que desenvolverá un novo tipo de rede neuronal que combina dúas aproximacións recentes en intelixencia artificial: as Redes de Kolmogórov-Arnold (KAN), un modelo matemático que demostrou unha maior precisión ca as redes neuronais tradicionais, e a Aprendizaxe Automática Diferencial, unha técnica que contribúe a mellorar o adestramento destes modelos. Esta ferramenta aplicarase á valoración de derivados financeiros, un problema complexo do ámbito das finanzas.
David Ranaudo estuda Computer Science and Engineering no MIT e participou no desenvolvemento, deseño e fabricación de sistemas de robótica oceánica.
Pola súa banda, Kyran Siddiqui traballará baixo a supervisión dos investigadores José Manuel Vázquez Naya e Rubén Pérez Jove, no grupo RNASA-IMEDIR. A súa investigación situarase na intersección entre a intelixencia artificial e a ciberseguridade, mediante o desenvolvemento de modelos fundacionais de IA baseados na arquitectura Transformer, orientados á análise do tráfico en redes de telecomunicacións, incluíndo contornas 5G, 6G e Internet das Cousas (IoT). Esta investigación ten como obxectivo detectar anomalías, identificar malware e predicir ameazas cibernéticas en tempo real. Kyran estuda Electrical Engineering and Computer Science no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e participou en varios proxectos de robótica complexa e sistemas integrados. Ademais, realizou prácticas en Amazon.