O CITIC sentou en Bruxelas as bases para futuras colaboracións europeas

martes, 20 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Marta Núñez nunha das xuntanzas celebradas na capital belga

O Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC) participou recentemente en dous eventos desenvolvidos en Bruxelas co obxectivo de sentar as bases da súa participación nos vindeiros proxectos de innovación do eido da eSaúde previstos pola Comisión Europea. Co obxectivo de recabar información de primeira sobre estas experiencias, en Código Cero falamos con Javier Pereira, responsábel de Área Tecnolóxica e eSaúde do CITIC, e Marta Núñez, responsábel de Proxectos I+D Europeos do CITIC, ámbolos presentes nos devanditos eventos, dúas importantes actividades sobre saúde e tecnoloxías: o Health Partnering Day e o Open Info Day (17 e 18 de setembro). Segundo nos contan, a experiencia foi frutífera e enriquecedora. As xuntanzas mantidas na capital belga, sinalan, constituirán un empuxe para as liñas de traballo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións.
-En termos xerais, como resumiriades esta viaxe a Bélxica do CITIC? Cal é a bagaxe que trouxo de volta o centro coruñés logo da súa participación nos ditos eventos?
-O balance non podería ser máis positivo e enriquecedor. As distintas actividades, xuntanzas, encontros e intercambios de información, impresións e visións sobre os proxectos resultaron de gran utilidade para o desenvolvemento das liñas de traballo actuais e futuras do CITIC, tanto a nivel de coñecemento, investigación e innovación coma en termos de financiamento europeo no ámbito da eSaúde.
-Que levou o CITIC a Bruxelas en materia de eSaúde? Que tiña que amosar centro tecnolóxico no ámbito da aplicación das novas tecnoloxías á medicina e á atención de pacientes e dependentes?
-Na actualidade no centro temos varias liñas de traballo e proxectos en distintas fases de investigación ou execución enmarcados nunha clara aposta estratéxica neste ámbito. O CITIC tivo a oportunidade de amosar perante representantes de máis de 200 entidades procedentes de diferentes países da UE (institucións, universidades, hospitais...) as súas principais liñas de investigación en materia de eHealth. En concreto, presentáronse proxectos centrados no diagnóstico e tratamento de enfermidades crónicas vinculadas ao envellecemento.

Javier Pereira, á dereita, reunido con representantes de distintas organizacións europeas

-O evento Health Partnering Day, o primeiro dos dous eventos devanditos, foi unha xornada con reunións bilaterais nas que entidades públicas e privadas da eSaúde puxeron en común as súas liñas de traballo para aproveitar sinerxías en favor da conformación de grandes consorcios que garantan a mellor capacitación de face a novos proxectos H2020. Como foi a participación do CITIC nesta actividade?
-En total tivemos a oportunidade de celebrar 14 reunións bilaterais con diferentes entidades dos ámbitos científico-tecnolóxico e empresarial de Inglaterra, Italia, Francia, Dinamarca, Finlandia, Irlanda ou Bélxica, entre outros países. En particular, os contactos máis relevantes establecéronse coa Fit for Heath (rede europea que presta asesoramento no ámbito de proxectos de saúde), o CAT (Center for Assisted Living) de Dinamarca, a Universidade de New Castle, a Universidade de Verona e o INRIA de Francia (instituto francés de investigación centrado na informática e as matemáticas aplicadas). Na suma está a forza: intercambiamos intereses e experiencias que sentan as bases para futuras colaboracións. Con toda a aprendizaxe que nos traemos de Bruxelas atopámonos arestora nunha fase de posta en común e análise de oportunidades con todos grupos de investigación implicados para que esta experiencia se traduza en sinerxías reais cos nosos homólogos europeos e que permitan situar ao CITIC como un centro tecnolóxico e de investigación de referencia a nivel europeo participando en novos proxectos H2020. A análise previa que realizamos antes de emprender a viaxe contribuíu a enfocar de forma moito máis eficiente todos os procesos.

Fachada exterior do Centro de Investigación TIC emprazado na Coruña, o CITIC

-Que se puido sacar en claro da segunda cita, o Open InfoDay, na que se presentou o programa de traballo 2016-2017 SC1 - Health, demographic change and wellbeing? En que consiste este programa? Participará o CITIC no seu desenvolvemento?
-O Programa de Traballo do Reto Social SC1. Health, Demographic Change and Wellbeing consiste nunha convocatoria xeral para proxectos de investigación europeos neste ámbito. Coñecelo de primeira man permitiunos obter unha ampla información sobre o programa de traballo bianual 2016-1017 en materia de saúde, e sobre todo, identificar novas tendencias tecnolóxicas, cuestións moi enriquecedoras de face ao obxectivo do CITIC de optar a esta convocatoria. Somos conscientes de que o camiño non será doado: o financiamento outórgase a un ou dous proxectos en cada edición, que é de carácter bianual, e á que se presentan unha chea de centros de toda Europa. É un reto no que nos implicaremos ao máximo, seguros de poder presentar unha proposta competitiva e sobre todo, de valor.
-En termos concretos, cal foi a misión de Javier Pereira e de Marta Núñez, os dous investigadores do CITIC que concorreron nos encontros?
-Acudimos a Bruxelas con toda a ilusión de poder representar ao centro e a todos os grupos de investigadores e demais profesionais do CITIC cos que traballamos día a día. Neste senso, o obxectivo fundamental era dar a coñecer a nosa actividade, proxectos e liñas de investigación e sobre todo, tirar proveito dos encontros para establecer sinerxías con outros centros europeos, coñecendo en profundidade a idiosincrasia de cada un deles para valorar potenciais colaboracións nos programas e convocatorias que se expuxeron.
Ademais, no marco desta viaxe, como delegación representante de CITIC, acudimos á sede da Dirección Xeral Connect da Comisión Europea onde se mantivemos varias reunións cos principais interlocutores de interese para coñecer máis de preto as súas políticas en materia de Sociedade da Información, e aliñalas con distintos proxectos estratéxicos de CITIC tanto actuais como futuros.

PUBLICIDADE