O CITIC volve cos seus Almorzos TIC Talk da man de María Delfina Ramos Vidal e Giovanni Bonisoli
venres, 3 de novembro do 2023
O pasado martes, 31 de outubro, o CITIC
(Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as
Comunicacións) retomaba ás 10 horas os seus Almorzos TIC Talk
logo do verán. Este encontro desenvólvese mensualmente na Sala
Cloud do CITIC e reune ao persoal investigador do centro co obxectivo
de dar a coñecer os seus traballos e promover a comunicación entre
os participantes e o público asistente.
Os Almorzos TIC Talk van xa pola décimo quinta sesión, desta volta
moderada polo investigador e membro da Comisión de Formación Álvaro
Leitao. O primeiro relatorio tiña como protagonista a María Delfina
Ramos Vidal, quen presentou Evolución de liñas de produto
software e bibliotecas dixitais, na que explicou as vías para
reutilizar produtos de software de xeito máis eficiente. Desta
maneira pódense reducir os custos de produción e o tempo de
comercialización dos produtos, entre outros beneficios. María
Delfina Ramos é investigadora do CITIC e profesora contratada
predoutoral na UDC. Está especializada na área de Linguaxes e
Sistemas Informáticos.
O segundo faladoiro impartiuno Giovanni Bonisoli baixo o título
Event Extraction from Web Data Streams, investigación en
procesamento de linguaxe natural (PlN) sobre os avances na extracción
automática de eventos en novas de sucesos en xornais. Giovanni é
estudante de doutoramento na Universidade de Módena e Reggio Emilia
e, arestora, atópase realizando unha estadía na Universidade da
Coruña.