O CITMAga participa nun estudo sobre a COVID que aposta pola IA para combater novas epidemias
mércores, 16 de outubro do 2024
- O investigador Juan José Nieto Roig
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) está a participar nunha investigación para analizar as consecuencias da crise orixinada pola pandemia da COVID. Neste estudo, o CITMAga colabora con investigadores e investigadoras de universidades tan senlleiras como as do Instituto Broad do MIT e Harvard, da Universidade de Stanford de EE.UU., da Universidade de Cambridge e da Universidade de Oxford do Reino Unido, entre outros.
O proxecto, coordinado desde Galicia polo investigador do CITMAga, Juan José Nieto Roig, quere dotar de ferramentas para facer fronte a futuras epidemias. Baixo o título: Desafíos globais despois dun desafío global: Leccións aprendidas da pandemia de COVID-19, analízase a influencia da pandemia a través de enfoques interdisciplinares coa participación de científicos de primeira liña mundial.
A doenza do Coronavirus non só afectou a vidas individuais, senón tamén ao mundo e aos sistemas globais, tanto naturais como artificiais. “Ademais dos millóns de mortes e problemas ambientais, a rápida propagación da infección e o seu elevado impacto socioeconómico afectaron á atención sanitaria, á situación económica, á riqueza e á saúde mental das persoas de todo o planeta”, sinala o investigador.
Segundo Juan José Nieto Roig a clave está nun enfoque multidisciplinar: “A pandemia está determinada por axentes médicos, sociais e económicos, por iso debemos combater o virus ou futuras catástrofes mediante un enfoque interdisciplinar”. O estudo presenta solucións fronte futuras epidemias, por exemplo, mediante o desenvolvemento de modelos matemáticos preditivos e o uso de Intelixencia Artificial (IA) que permitan determinar a evolución da mesma e detectar novos virus.
Asemade, outra dos obxectivos analizados é a actualización e o desenvolvemento de vacinas de próxima xeración que acheguen unha protección duradeira ao doente co fin de superar as variantes do virus, neste caso da COVID-19, e minimizar os efectos secundarios. O estudo analiza tamén a influencia da COVID-19 noutras doenzas, como o ictus, patoloxías cardiovasculares, o cancro ou o alzhéimer; e a súa relación coa alimentación e a obesidade.
Outra crise sufrida durante a pandemia foron as mentiras e a desinformación, as redes sociais empregáronse a xeito de plataforma para difundir teorías conspirativas sobre a orixe e as consecuencias da COVID-19. Como solución, os investigadores e investigadoras voltan incidir “nun enfoque multidisciplinar no que a educación chegue a todos os niveis sociais para combater a desinformación”.
Por último, sinalar que este proxecto de investigación enmárcase dentro do Universal Scientific Education and Research Network, unha rede mundial de educación e investigación que ten como conselleiros e conselleiras a máis dunha ducia de Premios Nobel en todas as áreas, entre as que figura o profesor da USC e coordinador en Galicia deste estudo, Juan J. Nieto Roig, como membro do Consello Consultivo.