O CIXUG entrega os galardóns do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

mércores, 25 de setembro do 2024 S. P.

Na tarde do pasado venres, 20 de setembro, tivo lugar no GaiásTech da Cidade da Cultura o acto de resolución da XVII edición do Premio ao Mellor Traballo Universitario libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da asociación GPUL.
Un total de 5 candidaturas chegaron a esta fase final, e que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.
Segundo informou o CIXUG, o primeiro premio foi acadado por Alejandro Buján Pampín co proxecto Abordando o desenvolvemento de Liñas de Produtos Software dende unha perspectiva de Xestión de Ciclo de Vida das Aplicacións, no que se describe un primeiro intento de enfrontar o desafío de acelerar o tempo de comercialización do software, mantendo a calidade e a xestión eficaz dos cambios continuos. Este traballo levouse a cabo mediante un metodoloxía iterativa e incremental, empregando MongoDB como almacén de datos, así como Node.js e Express.js para a implementación do servidor web e Vue.js para o cliente web.
Este recoñecemento implica unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Por outra banda, entregouse o Premio Especial Alejo Pacín Jul a Antón Gómez López polo seu traballo Adaptación efectiva de redes xerativas antagónicas para o procesado de imaxes de teledetección multidimensionais. Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Finalistas
Os cinco finalistas que alcanzaron a fase final da presente edición foron os seguintes:
-Pelayo Vieites Pérez Simulador de un sistema de control basado en señales EEG asociadas con ojos abiertos y cerrados.
-Manuel Alonso Carracedo, por Herramienta para la recopilación de información de servicios Whois.
-Miguel Castro Castro, por Desenvolvemento dunha ferramenta de apoio á docencia de Estrutura de Computadores.
-Alejandro Buján Pampín, por Abordando o desenvolvemento de Liñas de Produtos Software dende unha perspectiva de Xestión de Ciclo de Vida das Aplicacións.
-Antón Gómez López, por Adaptación efectiva de redes xerativas antagónicas para o procesado de imaxes de teledetección multidimensionais.
Xurado
O xurado estivo formado polas seguintes persoas: Mariano Cabrero Canosa (UDC), Alberto Suárez Garea (USC), Arno Formella (UVigo) e Francisco Tsao Santín (Asociación GPUL).
Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre
O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego.
A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa AMTEGA.