O CLAG celebra na Coruña a súa exposición anual de obras audiovisuais

martes, 29 de abril do 2008 Raquel Noya

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG), en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia, vai celebrar a cuarta edición do pitching anual I+P, ideas para producir, que terá lugar o vindeiro 8 de maio na Coruña.
Coa celebración da súa cuarta edición, esta iniciativa consolídase como unha xornada anual de exposición de obras audiovisuais ante potenciais compradores a nivel nacional e europeo, que xa en 2005 supuxo a presentación de 59 proxectos e cinco estreas de éxito.
Esta iniciativa levarase a cabo ao abeiro do convenio de colaboración entre o CLAG e CaixaGalicia, a través da súa Obra Social, que vén de ser asinado polo presidente do CLAG, Antón Reixa, e polo director xeral adxunto de Acción Sociocultural de CaixaGalicia, José Manuel García Iglesias, na súa arela por “dinamizar a industria audiovisual galega”.
Nessa data, a xornada converterá A Coruña nun punto de encontro para creadores, produtores e distribuidores da industria audiovisual europea, e nunha oportunidade estratéxica para os 15 proxectos que se van presentar, seleccionados por un comité de expertos, entre máis de medio cento de traballos presentados. Os proxectos seleccionados foron dados a coñecer recentemente nunha rolda de prensa.
Son os que seguen:
-Alfonso Graña, o rei do Amazonas, (longametraxe documental) de La Région S.A.
-23 F 2.0., (ucronía histórica ficción), de Voz Audiovisual.
-Castillos de arena, (drama realista ficción), de Xamalú Filmes.
-Egoístas, (longametraxe ficción drama), de Peter Domankiewicz.
-For John´s sake!, (documental non ficción), de TV Siete
-La chica de ayer, (comedia romántica ficción), de Manuel Sanabria e Carlos Villaverde.
- Lila, (serie animación infantil ficción), de Cromosoma
-Little Galicia, (longametraxe ficción comedia), de Alber Ponte.
-Los extras, (sketches humor ficción), de Perro Verde Films.
-Mar libre, (longametraxe ficción), de Ficción Producciones
-Más que amigos, (comedia ficción) de Cote Soler.
-No me dejes en paz, (longametraxe suspense), de Adivina Producciones.
-O747, (serie de ficción para móbiles), de Interacción
-Rascayú, (animación ficción), de Juan Nouche e Angel de la Cruz.
-Todo por un sueño, (formato), de Continental Producciones.
Esta IV edición celebrarase precedida das tres anteriores das que saíron títulos de éxito como O neno de barro, Mia Sarah, 80 anos, A Flor máis grande do mundo ou Abrígate, un filme xurdido tamén do pitching promovido polo CLAG, que será presentado na Coruña a finais de maio.
En xullo, I Foro da Industria Española da Animación
Asemade no marco do convenio coa Obra Social de Caixa Galicia, o CLAG organizará na Coruña o I Foro da Industria Española da Animación os vindeiros días 2 e 3 de xullo, dentro da programación para este ano de Mundos Dixitais. Neste Foro daranse cita importantes profesionais e axentes que xogan un papel clave na industria española de animación, desenvolvedores de técnicas de animación, creadores e guionistas, produtores, e empresas de distribución, co obxectivo de abrir unha fiestra ás posibles alianzas empresariais e ao contacto da nosa industria coa doutras comunidades españolas.

PUBLICIDADE