O CLAG convoca a creadores, produtoras e distribuidoras para impulsar novos contidos dixitais

luns, 25 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Público participante nunha das anteriores edicións do encontro profesional impulsado polo Clúster

Os días 22 e 23 de novembro vaise falar, e moito, de contidos dixitais. E non só de contidos, senón tamén dos novos soportes, acubillos ou plataformas. A escusa será a nova edición (a 11) do evento I+P Ideas Para Producir, que organiza un ano máis o Clúster Audiovisual Galego. Participarán unha vintena de firmas, entre produtoras, cadeas de TV e distribuidoras, boa parte delas con ganas de traballar compartindo os seus produtos ou (sobre todo) poñendo a semente doutros novos. Nun plano máis concreto, farán acto de presenza directivos de RTVE, Telecinco, Atresmedia, Movistar+, Euskaltel, a compañía galega R ou Mediaset. Tamén asistirán as responsábeis de contidos da TV de Asturias, da de Aragón, e, por suposto, da CRTVG. Por distribuidoras asistirán Filmax, A Contracorriente Films ou DeAPlaneta.
Como novidade desta edición, e no marco da colaboración establecida entre o Clúster e Filmarket Hub, os proxectos participantes no I+P Ideas Para Producir gozarán de 1 ano de inscrición gratuíta no mercado online da plataforma Filmarket Hub, onde, segundo informa o Clúster Audiovisual Galego, poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica.
As empresas e os profesionais do sector audiovisual que desexen participar nesta xornada poden inscribir os seus proxectos até o 10 de outubro. Para isto teñen que enviar por mail o formulario que atoparán na páxina web do Clúster (www.clag.es) a comunicacion@clag.es. A partir do día 30 de outubro a organización comunicará aos seus respónsabeis os proxectos seleccionados para participar no pitching que se vai celebrar en Compostela.

PUBLICIDADE