O CLAG organiza un webinario xemelgos dixitais no sector audiovisual

luns, 3 de novembro do 2025 Redacción

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) celebrará o xoves 13 de novembro o webinario titulado O xemelgo dixital no sector audiovisual, unha sesión divulgativa centrada nesta tecnoloxía que permite crear réplicas virtuais para mellorar procesos de produción e eficiencia. Os xemelgos dixitais están a converterse nunha ferramenta clave na transformación tecnolóxica de múltiples industrias, tamén na audiovisual, onde abren novas posibilidades de análise, predición e creación de contidos. A actividade, dirixida exclusivamente aos socios do Clúster, require inscrición previa a través dun formulario en liña.
O encontro iniciarase ás 10:00 horas coa benvida de Gaspar Broullón, vicepresidente do Clúster Audiovisual Galego. A continuación, o director de Mundos Digitales, Manuel Meijide, ofrecerá unha intervención na que explicará o funcionamento dos xemelgos dixitais e presentará exemplos prácticos aplicados ao sector audiovisual. A sesión rematará cun espazo de preguntas ás 10:45 horas.
Durante o webinario abordaranse cuestións como a definición e características desta tecnoloxía, as súas diferenzas con ferramentas como a realidade virtual ou a simulación, e o seu uso como modelo virtual para análise e predición de resultados en producións audiovisuais.