O CNTG abre o 1 de setembro o prazo para catro novos graos C de FP de Informática
mércores, 27 de agosto do 2025
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Emprego abre o vindeiro luns 1 de setembro o prazo para que as persoas desempregadas poidan solicitar os seus novos cursos que arrancarán en outubro. Trátase de catro novos graos C que permiten convalidar varios módulos dos ciclos informáticos de formación profesional.
En concreto, no centro impartiranse catro graos C e dous graos B de formación profesional da familia de Informática, en particular, dous graos C de nivel 3 do ámbito do desenvolvemento de aplicacións informáticas (Programación con linguaxes orientadas a obxectos e bases de datos, e Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web), un grao C de nivel 3 do ámbito de administración de sistemas informáticos (Xestión de sistemas informáticos) e un grao C de nivel 2 do mesmo ámbito (Operacións de sistemas informáticos).
Dende a Consellería salientan que esta formación permite convalidar varios módulos dos ciclos informáticos de formación profesional (DAW - Desenvolvemento de aplicacións web, DAM - Desenvolvemento de aplicacións multimedia, ASIR - Administración de sistemas informáticos en rede, SIMR - Sistemas informáticos e redes), “polo que son idóneas para as persoas desempregadas que queiran formarse e introducirse no sector informático e para aquelas que non obtiveran praza nos ciclos de formación profesional e queiran superar varios dos módulos de ditos ciclos”.
Así, as persoas interesadas poderán realizar a solicitude de acceso a estes cursos a partir da semana que vén, para o que deberán dirixirse á súa oficina de emprego ou ao propio Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (orientacion.cnt@xunta.gal).
Balance 2024-2025
A nova programación do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia sucede á recentemente finalizada, na que o CNTG foi quen de consolidarse como “referente na formación relacionada co sector tecnolóxico galego, cunha demanda de case tres candidatos por cada praza ofertada debido tanto á variedade como á calidade dos seus cursos”, informou a Consellería de Emprego, engadindo que entre setembro de 2024 e xullo de 2025 impartíronse 116 cursos de preparación para certificación oficial. “Trátase dun incremento dun 29 % con respecto ao período anterior que supuxo tamén un aumento dun 25,2 % no número de prazas, chegándose a ofertar preto de 2.300”, apuntaron dende a Consellería.
O incremento na oferta veu acompañado ademais “dunha alta demanda, con preto de 6.660 candidatos para as prazas ofertadas e cunha taxa de superación das accións formativas do 93,57 %”. Dende a Xunta salientan que a valoración do alumnado sobre a calidade dos cursos, dos docentes e da organización do centro situouse nun 9,07 sobre 10.
No mesmo período, desenvolvéronse tamén 96 seminarios técnicos (accións formativas dunha xornada de duración centrados en temáticas especializadas) aos que asistiron máis de 3.700 profesionais e demostracións prácticas impartidas por expertos e profesionais dos propios fabricantes.
