O CNTG acolleu a xuntanza galega de Lanzadeiras de Emprego

martes, 27 de xuño do 2017 Redacción

As Lanzadeiras de Emprego galegas (as palestras da Coruña, Carballo, Ferrol, Lalín, Lugo, Pontevedra e Santiago) participaron este luns nun encontro autonómico no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). Na cita participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde; a responsábel de Comunicación das Lanzadeiras, Soraya de las Sías; e o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz. Na xuntanza lembrouse que a nova edición das lanzadeiras galegas comezou a funcionar o mes de maio, impulsadas pola Fundación Santa María A Real, a Fundación Telefónica e a Xunta como “unha nova estratexia de loita contra o paro”. As sete palestras, integradas por 140 persoas desempregadas (homes e mulleres con idades comprendidas entre os 20 e os 54 anos, con diferentes niveis formativos e traxectorias laborais), teñen unha marcada vertente tecnolóxico-dixital. De feito, un dos obxectivos da iniciativa é mostrar aos participantes como tirar o máximo proveito das redes sociais e das TIC para atopar emprego.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou “a importancia de acompañar a quen estea a buscar emprego a través de asesoramento co obxectivo de relanzar o seu perfil profesional”. Ao fío disto, sinalou que, grazas á segunda convocatoria das Lanzadeiras de Emprego, “os 140 participantes accederán ás ferramentas necesarias para pór en valor o seu currículo profesional e para crear unha marca persoal coa que presentarse con máis garantías de éxito a unha oferta laboral”.
Logo de superar a primeira fase formativa de maneira satisfactoria (incluíndo adestramento en comunicación e entrevistas laborais), os participantes nas Lanzadeiras encaran agora un novo treito do camiño introducíndose en recursos “diferenciais e proactivos” para a procura de traballo. Máis polo miúdo, formaranse en cousas como a elaboración e consulta de mapas de empregabilidade ou nos diferentes recursos para visualizar currículos e ampliar redes de contacto.

PUBLICIDADE