O CNTG duplicará a súa oferta formativa
martes, 12 de setembro do 2023
A conselleira de
Promoción do Emprego e Igualdade, Elena
Rivo, presidiu este mediodía o acto de presentación da oferta formativa
2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade «de prestixio» na aportación de talento de calidade ao sector TIC, salientando que
se duplicarán os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas
(2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Para
materializalo, o orzamento case que se cuadriplicará, acadando os 2 millóns de
euros.
Na súa
intervención, a conselleira salientou o papel fundamental do CNTG á hora de
formar non só persoas traballadoras, senón tamén desempregadas que buscan unha
oportunidade nas TIC, «un sector cambiante, en constante evolución», de
relevancia internacional. Así, sinalou que «13.000 persoas do sector son
usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009», 619
delas (pertencentes a 200 empresas) o ano pasado.
Para o período
2023/2024 aumentarase a variedade de propostas para dar resposta á formación
requirida nas tecnoloxías máis demandadas para adaptarse ás necesidades en
eidos como a ciberseguridade, as solucións na nube, a ciencia de datos ou a
intelixencia artificial.