O CNTG presenta a súa oferta formativa para este curso con 2.540 prazas, un 40% máis
venres, 13 de setembro do 2024
Foi este xoves 12 de setembro cando o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) presentaba a súa oferta formativa para este curso 2024-25. No acto estaban presentes o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, que subliñaron o obxectivo destes cursos: dar resposta á alta demanda de talento especializado neste sector estratéxico.
Situado en Compostela e dependente da Xunta, o CNTG desenvolve accións formativas encamiñadas a traballadores e traballadoras do sector TIC galego e desempregados con interese en incorporarse ao mesmo. Cunha oferta de 2.540 prazas, un incremento do 40% respecto do pasado curso, a programación deste curso que vén de comezar foi deseñada tendo en conta a análise e demanda do propio sector consultado a comezos de ano. Deste xeito, incorporará a formación adaptada ás necesidades do mercado, en áreas como a Intelixencia Artificial (IA), a ciberseguridade ou os servizos na nube, e con horarios adaptados aos traballadores para facilitar a súa participación.
Segundo José González, cómpre pór en valor as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), polo seu “carácter transversal”, pois “actúan como un motor fundamental de desenvolvemento económico, impulsando a produtividade e a innovación”. Atendendo a isto, sinalou que a nova programación formativa do CNTG “contribuirá a fortalecelo e facelo aínda máis competitivo a través da formación dun colectivo profesional dinámico e tecnicamente preparado, que saiba dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos campos do tecido produtivo da nosa Comunidade, relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información”.
Asemade, o titular de Emprego compartiu tamén que Galicia está apostando de xeito pioneiro polas microformacións como unha ferramenta estratéxica para fomentar máis e mellor emprego de calidade, garantir que as persoas teñan os coñecementos, capacidades e competencias que precisan para acceder a novas oportunidades ou recapacitarse para avanzar na súa vida profesional. Este compromiso compleméntase tamén coa modernización que se está realizando no Servizo Público de Emprego e que -a través dunha ferramenta tecnolóxica como o software EMi- permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas para mellorar a súa empregabilidade e axudar ás empresas a localizar os perfís que precisan.
A programación do CNTG enmárcase na oferta formativa que -cun orzamento de máis de 7 millóns de euros- se impartirá este curso no total de 14 centros dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración das catro provincias galegas.
As accións formativas, correspondentes aos graos B e C -certificados de competencia e profesionais respectivamente-, están destinadas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas. Tamén poderán participar persoas traballadoras ocupadas, inscritas en mellora de emprego, até un límite do 30% do total de participantes de cada lote, sempre e cando as prazas non se cubran co alumnado en situación de desemprego. Os cursos -que contarán cun máximo de 15 alumnos e alumnas- agrúpanse en 16 familias profesionais, entre elas, administración e xestión, especialidades agrarias, comercio e mercadotecnia, fabricación mecánica, seguridade e medio ambiente ou transporte e mantemento de vehículos.