O COAG presenta a ferramenta gratuíta PAUTA para o fomento dos procesos de contratación pública

mércores, 2 de xullo do 2025 S. P.

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou no Museo do Pobo Galego, en Santiago, o Programa PAUTA, unha aplicación gratuíta destinada a axudar ás Administracións Públicas na organización de concursos de proxectos de arquitectura, elaborada polo COAG. O Colexio pon a disposición das Administracións esta ferramenta pensada para facilitar e axilizar o proceso de convocatoria dos concursos públicos de arquitectura.
O acto estivo presentado polo decano do COAG, Luciano Alfaya, e contou coa asistencia do secretario Xeral de Vivenda e Urbanismo e director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, entre outras/os. Explicaron que PAUTA é unha guía para saber como presentar os criterios básicos nun concurso de proxectos de arquitectura, facilitando a toma de decisións e fomentando a contratación de proxectos e obras públicas a través dun cálculo fiable dos custos e prazos da convocatoria do concurso.
A ferramenta ofrece orientación ás Administracións Públicas na convocatoria de concursos de proxectos de arquitectura, axudando coa metodoloxía –prazos, fases e organización dos concursos de proxectos de arquitectura–, no cálculo dos orzamentos de construción, cos requirimentos que se precisen, e no custo dos servizos de arquitectura que se desexen contratar.
Os representantes do COAG explicaron que a aplicación é “moi intuitiva e permite seleccionar o tipo de proxecto, ben proxectos de edificación (edificio de vivendas, espectáculo e hostalería, usos administrativos, docentes, públicos, relixiosos, sanitarios, deportivos e recreativos, aparcadoiros, almacéns e industria e demolicións) ou proxectos de urbanismo (demolicións, obras específicas de infraestruturas ou obras globais de urbanización)”.
Luciano Alfaya engadiu que o COAG “é consciente das dificultades que existen actualmente na contratación pública da arquitectura, e do esforzo que se fai desde todas as Administracións Públicas para conseguir a maior axilidade e calidade na contratación” e apuntou que “o COAG realiza dende sempre un esforzo por establecer acordos e convenios cos entes públicos para colaborar en concursos e proxectos. Agora mesmo, estamos traballando con 22 administracións. Con esta aplicación pretendemos potenciar a convocatoria de concursos para alcanzar unha arquitectura de calidade, abrir o mercado o máis posible e facilitar aos concellos esta xestión”.